O alcalde de Castroverde, o socialista José María Arias, incumpre o compromiso alcanzado co PP ao principio do actual mandato e pretende diluír a voz crítica do portavoz popular no Grupo Mixto da corporación municipal. O portavoz popular Rubén Otero denuncia que Arias, de maneira unilateral, rompe o compromiso que adquiriu para que o PP presentara as súas mocións, rogos e preguntas co logotipo do seu partido e como se dun grupo propio se tratase. O rexedor acaba de comunicar a Otero que o PP e o BNG terán que operar propiamente como Grupo Mixto. O portavoz popular di: “As miñas discrepancias coa xestión e o talante do alcalde son xa ben coñecidas, pero a verdade é que me sorprende esta falta de palabra que demostra, esta capacidade para incumprir o seu compromiso”.
Para Rubén Otero está claro o que ocorre: “O alcalde está preocupado, por non dicir que colleu medo, porque ve que o PP móvese en Castroverde, que fai propostas boas para os veciños e que non cala cando ve cousas que non están ben feitas o que non se fan”.
Otero sinala: “Ao señor Arias non lle gusta recibir críticas; resúltalle moi molesto que o concelleiro do PP vai coa verdade por diante, que diga as cousas como son e que sempre estea do lado da xente, ao pé dos veciños”.
O mesmo representante do Partido Popular sinala: “O alcalde non vai conseguir silenciarme por moito que o molesten as cousas que digo, que son as que din os veciños, porque o PP faise eco das necesidades dos veciños”. Indica que a decisión de Arias é un bo exemplo do pouco que lle gusta a participación da oposición na vida municipal. Sinala: “Se nalgún momento o señor Arias pensou que o PP ía ser un convidado de pedra en Castroverde, equivocouse”.