A xestión dalgunhas áreas de goberno da Deputación reflicte o grao de acomodo ao que chegaron os seus responsables. Unha desas áreas é a de Deportes, pilotada polo nacionalista Efrén Castro, que nalgúns ámbitos do mundo do deporte xa empeza a ser coñecido como “o señor si, pero non”, porque di si a case todo o que se lle expón e non executa nada, ou case nada, do comprometido. Mostra desta maneira de actuar é a polémica suscitada no seu día polas condicións de uso de instalacións deportivas e a máis recente, aínda viva, polo impago das cantidades adebedadas aos clubs de fútbol que participaron na Copa Deputación. Pero non é menos clarificadora da maneira de entender a xestión que ten Efrén Castro a incapacidade demostrada ata o momento para afrontar a moi necesaria reforma integral das instalacións da Escola Lucense de Piragüismo, situada nos Robles.
O deputado provincial popular Óscar Poy di que as instalacións da Escola seguramente reuniron no seu momento moi boas condicións, pero “a estas alturas é evidente que precisan unha reforma en profundidade, un cambio significativo para adaptalas aos tempos que corren”.
Poy destaca que a Escola de Piragüismo e o Pazo dos Deportes (co seu anexo) son as únicas instalacións deportivas que ten a Deputación na capital lucense. O mesmo deputado insiste: “É necesaria unha remodelación completa das instalacións da Escola, especialmente no que se refire á zona de vestiarios”.
Poy sinala que, polo que el sabe, o delegado de Deportes, Efrén Castro, tamén neste caso expuxo boas intencións con respecto a intervir na Escola, pero, dada a súa fama de dicir que si e despois non actuar, “resulta pouco ou nada crible”. Poy apunta que, á vista de como se suceden os feitos en relación coa delegación de Deportes da Deputación, está claro que Castro “ou falta á verdade con frecuencia ou manda moi pouco”. Urxe ao goberno provincial a iniciar o proceso para a reforma da Escola de Piragüismo e avisa de que non sería unha casualidade crible que as obras se levaran a cabo no entorno das próximas eleccións locais.