A área de Deportes da Deputación vai camiño de converterse nunha dor de cabeza permanente para todas as entidades deportivas que teñen que manter relacións co organismo provincial, pola escasa coincidencia entre o que di o responsable do departamento, o nacionalista Efrén Castro, e o que se fai en realidade. O deputado popular Óscar Poy asegura que de novo se comproba esta maneira de actuar no caso do pago aos clubs de fútbol que participaron na Copa Deputación 2020 e que non percibiron aínda os importes correspondentes ás eliminatorias que disputaron; a Copa foi suspendida debido á pandemia e non houbo nin semifinais nin final.
Poy sinala: “O grupo provincial do PP puxo onte de manifesto que os clubs no cobraron aínda as cantidades que lles corresponden o que supón para eles un problema importante. E o señor Castro sorpréndenos asegurando que non hai problema e que os clubs van cobrar. Pero non cobraron e xa sabemos que pasa na delegación de Deportes da Deputación: Efrén Castro di unha cousa pero, á hora da verdade, a Deputación fai outra; ou minte ou non lle fan caso”.
O mesmo deputado popular sinala: “Nós comprobamos por distintos medios, consultando tanto fontes da Federación de Fútbol como dos clubs, a existencia e impacto do problema. Fixémolo público onte, e hoxe o señor Castro di que non hai problema e que van cobrar. Home, que cobren non parece moi dubidoso, pero o caso é cando van cobrar. Só faltaría que a Deputación incumprise os seus compromisos cos clubs que participan na Copa”.
Poy destaca que “xa comprobamos noutras ocasións como unha cousa é o que di o señor Castro e outra o que realmente se fai, como foi no caso das condicións de uso das instalacións deportivas dependentes da Deputación”.