Partido Popular de Lugo

O PP monfortino denuncia o mal estado e a perigosidade da estrada provincial que une os concellos de Monforte e O Saviñao

As estradas provinciais son motivo de numerosas queixas dos lucenses debido ás deficiencias que presentan. Unha destas vías é a LU-P 3202, entre os municipios de Monforte e O Saviñao. É unha vía que rexistra un tráfico considerable e que ten serias deficiencias de sinalización, carencia que aumenta o risco para a circulación rodada e peonil. O grupo municipal popular defenderá no próximo pleno da corporación de Monforte unha moción para que o Concello, presidido polo socialista José Tomé, inste á Deputación, tamén presidida por Tomé, a acometer canto antes as melloras necesarias: sinalización horizontal e vertical, así como alumeado máis intenso na zona urbana e ensanche dos tramos máis estreitos.

 

A portavoz popular en Monforte, Katy Varela, sinala que a estrada carece de sinalización horizontal no tramo no que o ano pasado se levaron a cabo melloras no pavimento.

 

Outra das deficiencias que sinalan os populares é a falta de iluminación suficiente nesta estrada no tramo urbano, o que fai incrementar o risco tanto para automobilistas como para peóns.

 

En canto a sinalización vertical, os populares destacan que moitos dos sinais están seriamente deteriorados (moitos deles están decolorados), outros están rotos e algúns están practicamente caídos.

 

Varela destaca que as melloras efectuadas no pavimento o ano pasado só afectaron ao tramo ata a parroquia de Baamorto; o resto atópase en moi mal estado. Tamén sinala: “A partir do quilómetro 6, en Figueira, a estrada estréitase, polo que é moi perigosa”. Non hai quitamedos, pese a que hai considerables desniveis.