Partido Popular de Lugo

O PP de Burela denuncia a lentitude nas obras das instalacións deportivas e a falta de coherencia do alcalde para a súa mellora

     

Dende o PP de Burela vense na obriga de denunciar a lentitude na execución das obras das instalacións deportivas e a falta de coherencia do alcalde na aposta pola mellora destas.

 

E é que dende o PP burelés indican que “non era sen tempo que Llano se comprometera coas instalacións deportivas da Marosa, máxime tendo en conta que xa en agosto de 2019 anunciaba que ían tirar a grada principal e, dende aquela, xa choveu”.

 

E seguen, “o que non é comprensible é que dende xullo deste pasado ano, despois de moita insistencia por parte da SD Burela e do Grupo Municipal Popular (GMP), no que se adxudicou o orzamento para repoñer o peche perimetral do campo de herba artificial desas instalacións municipais ás que, lembremos, acoden centos de nenos a adestrar, aínda se licitaran neste mes de xaneiro, con case que seis meses de retraso, esa obra”. Dende o PP pregúntanse “que estivo a facer o concelleiro de deportes e o Sr. Llano a este respecto durante todos estes meses?, a seguridade dos pequenos que acoden ás instalacións da Marosa non lles parecía apremo suficiente para a licitación da obra? ”.

 

No referente á iniciativa, liderada pola dirección do IES Perdouro e comprometida dende hai tempo polo PP de Burela, relativo á execución dunha pista polideportiva cuberta neste centro educativo, os populares non entenden as incoherencias do rexedor socialista que “agora di que apoia a mesma cando no pleno celebrado hai uns dous meses, e no que o GMP levou esta proposta, o alcalde Llano votou en contra da mesma”. “Entendemos que agora, e tal e como anunciou no seu día o GMP, que sabe que dita obra vai para diante debido á aposta decidida que dende as eleccións municipais tivo con ela o Partido Popular, o Sr. Llano quere apuntarse un tanto cos seus excompañeiros deste centro educativo”, afirman.

 

 

Linguaxe belicosa impropia dun alcalde dunha vila coma Burela

Noutra orde de cousas, dende o PP chama moito a atención “a linguaxe belicosa, totalmente impropia dun alcalde dunha vila coma Burela”, cando Llana fala de que “se fixo unha pequena guerra política con este asunto”, no referente ás instalacións deportivas municipais da Marosa.

 

“Sabemos que lle molesta que o PP lle emende a plana pero é que a nosa formación, con este asunto coma con moitos outros, non fai máis que acudir en defensa dos intereses dos veciños e veciñas de Burela que así o precisan e así no lo reclaman converténdonos deste xeito na única formación que está a fiscalizar a inacción deste presunto goberno, e por extensión, na única alternativa política ao mesmo”, conclúen dende o PP.