Partido Popular de Lugo

O PP, á vista da situación na Deputación, pediu a Tomé que vele pola seguridade sanitaria dos traballadores e dos deputados fronte a pandemia por covid-19

Á vista do que ocorre na Deputación Provincial cos contaxios da covid-19, o grupo provincial do PP pide ao presidente da institución, o socialista José Tomé, “que tome en serio esta pandemia e que intente resolver os problemas do persoal e tamén dos membros da corporación provincial, tratando de velar pola súa saúde”. Os populares cren que, de novo, o presidente, José Tomé, “chega tarde e mal en todo o que ten que ver coa pandemia”.

 

O portavoz do PP, Javier Castiñeira, recorda os máis recentes intentos do seu grupo de evitar situacións na Deputación que poden crear risco. Castiñeira sinala: “O 17 de decembro  o grupo provincial do PP enviou unha comunicación á Presidencia da Deputación queixándose, en relación as medidas para previr os contaxios da covid-19, de que as reunión das comisións no mes de novembro se realizaron nunha sala na que o espazo era insuficiente para o número de persoas que alí se xuntaban.  Coincidía neses días co positivo dun membro do equipo de goberno. A proposta do PP era  celebrar as reunións das comisións no salón de plenos, que é moito máis amplo, para diminuír o risco de contaxios. Catro días despois, o goberno provincial  asegurounos que o local si se adapta as medidas para evitar contaxios, polo que decidiron non actuar  e deixar á responsabilidade persoal de cada deputado e deputada a asistencia ou non as reunións das comisións”.

 

O portavoz do grupo popular di: “Vistos os acontecementos (dous contaxios en poucos días en membros do equipo de goberno) e  coas novas reunións das comisións ás portas, o PP de Lugo volveu suxerir ao presidente que tome algunha medida neste sentido. Non sabemos se dende o goberno provincial comunicaron ao servizo de prevención a nosa queixa de novembro, pero o é certo é que  seguimos pensando que non é oportuno manter as reunións de comisións no mesmo salón”.

 

Castiñeira critica a falta de capacidade de reacción do socialista Tomé: “O goberno provincial chega tarde a todo dende que se decretou o estado de alarma en marzo de 2020 e desoe o que unha gran parte da corporación provincial leva propoñendo para loitar contra os efectos da pandemia. Custoulle ao señor Tomé convocar os plenos telemáticos despois de tres avisos do PP; cústalle tomar medidas para contrarrestar os efectos sanitarios e económicos da pandemia e velar pola integridade dos  traballadores da deputación e tamén dos deputados”.

 

Os populares esperan que “desta volta si accedan a tempo á petición do grupo popular”.  Sinalan: “Sabemos que hai máis casos nos que moitas persoas traballan en pouco espazo, o cal tamén nos preocupa. Un dos casos máis chamativos é o de Recadación, onde traballan aproximadamente 37 persoas nun baixo. O grave é que esta  xente, pola falta de dilixencia do goberno provincial, non está nas novas instalacións en Santa María, obras que levan anos de retraso”.