O voceiro do Grupo Municipal Popular, Daniel Vega, sinala que “o goberno local do BNG perde xuízos, pero pagarémolo tódolos veciños de Ribadeo”. O popular asegura que se trata de algo “grave” e considera “sorprendentes” as declaracións do goberno local pola súa “pouca humildade” cando “volve perder outro xuízo”.
Vega explica que “o xuízo pérdese pola falta de mantemento da coñecida como Praza da Música por parte deste goberno do BNG e non doutros. Esta praza emprégase de forma pública para desenvolver distintas actividades cando goberna o BNG e o bipartito”, continúa. “Cando gobernaba outro partido non se celebraba ningunha actividade nesta praza”, aclara.
O popular sinala que “nestes momentos hai falta de conservación deste espazo por parte do goberno local” e, desa situación, derivan “os problemas, os danos causados nos garaxes e na propia praza” ante o que “os veciños presentan unha denuncia cando gobernaba o BNG no Concello”.
Vega cre que “é realmente grave que se queira responsabilizar a outros gobernos”. É máis, lamenta que “o alcalde nunca acepte a culpa e sempre diga que a culpa é doutras administracións ou doutros gobernos”.
Explicacións en pleno
O voceiro do Grupo Municipal Popular engade que “se levan perdido moitos xuízos por parte do Concello, pero son os ribadenses os que temos que pagar todo iso”. Ante esta situación, os concelleiros populares pedirán ao goberno local explicacións no vindeiro pleno sobre o número de xuízos que se perderon e canto levamos pagado en xuízos cos cartos de tódolos ribadenses porque “os que pagamos somos os contribuíntes e non o goberno do BNG”.