O partido Popular denuncia a parálise administrativa que vive o Concello de Foz como consecuencia da falta de xestión e da ineficacia do equipo de goberno, do bipartito PSOE-BNG comandado polo alcalde socialista Francisco Cajoto.
O portavoz popular en Foz, Javier Castiñeira, tamén portavoz provincial do PP, sinala: “Son varios os servizos afectados pola caducidade dos contratos. Un deles é o de abastecemento de auga e depuración, que leva varios anos caducado; o anterior equipo de goberno tiña avanzado un acordo plenario entre Foz Plataforma de Futuro e o PP, que, a día de hoxe, está abandonado e ninguén sabe como están os trámites se é que hai algún. O mesmo pasa con dúas prazas de Policía Local, que levan ano e medio vacantes”.
Castiñeira sinala “outro exemplo clarísimo da falta de xestión” que denuncia: o orzamento municipal para o ano en curso, “que está sen aprobar, pese a que será un ano moi importante para a saída da crise”.
Con todo, o máis grave para o Partido Popular “é o caso do servizo de axuda no fogar, que é un servizo fundamental”. O portavoz popular explica: “A día de hoxe, o goberno municipal dispón de 4.600 horas ao mes, o que permite atender a cen usuarios aproximadamente, que financia na súa maioría a Xunta de Galicia. Ten pendentes outras 500 horas para adxudicar aos usuarios que non reciben o servizo pola falta de pericia e pola ineficacia absoluta deste goberno. Esas horas xa están concedidas pola Xunta de Galicia ao Concello”. Tamén sinala: “E o máis grave é que ademais temos un contrato neste servizo que leva caducado case dous anos (cumpriranse en marzo); o anterior goberno tiña avanzadas as súas bases. Este é outro exemplo no que vemos que están apartadas polo goberno bipartito, porque están sen actualizar, cun prezo hora moi por debaixo do prezo de mercado. Non chega a 12 euros/horas, mentres que outros concellos o teñen actualizado e é moito máis alto. Parece que o Concello está cómodo aforrando cartos no servizo de axuda no fogar; non sabemos por que, pero pedimos que se regularice canto antes ese servizo, porque estamos da man da boa fe da empresa concesionaria, que ten a ben non baixar o servizo a pesar de estar moi por debaixo do prezo de custo”.
O Partido Popular denuncia “a incapacidade da concelleira de Servizos Sociais, que leva ano e medio sen facer absolutamente nada e ten pendente de sacar un contrato que xa estaba avanzado no seu momento”. Castiñeira sinala: “Denunciamos ese deixamento, a ineficacia administrativa do equipo de goberno que, a pesar de ser o dobre de concelleiros e de ter algunha dedicación máis que o anterior goberno, é moito menos eficaz e moi malo na xestión administrativa, de tal maneira que está paralizando este Concello”.