Partido Popular de Lugo

O PP de Trabada ve trato de favor na concesión de sendas dedicacións parciais ao Concello a dous membros do goberno local

“O que se viu no pleno de hoxe foi un trato de favor a dous membros do grupo municipal socialista”, asegura o portavoz do PP en Trabada, José María Fernández, á vista do acordo adoptado no pleno, coa oposición dos concelleiros populares, para asignar sendas dedicacións parciais.

 

Os populares denunciaran repetidamente que a tenente de alcalde, Julia Barcia, cobraba por media dedicación ao Concello, a pesar de que, como profesora, exerce fóra da provincia, concretamente en Forcarei. Despois das denuncias públicas de tal situación, o goberno municipal, encabezado por Mayra García, levou á sesión plenaria celebrada esta mañá unha proposta para rebaixar ao 25% a dedicación de Barcia, e adxudicar outra do 25% a outro membro do goberno, Rubén García.

 

O portavoz popular, José María Fernández, explica que cada unha das dedicacións parciais é de dúas horas. Pregúntase qué beneficio pode reportar ao Concello pagar por tan escaso tempo dedicado as tarefas municipais. “Dende punto de vista da xestión dos asuntos do Concello, ese tempo non representa nada, pero economicamente supón por cada unha delas 10.949 euros ao ano, o que totaliza unha cantidade moi relevante para a economía dun Concello como o de Trabada”.

 

Por outro lado, o grupo municipal do PP presentou unha iniciativa no pleno para instar á Deputación a mellorar as estradas LU-P 6103 e LU-P 6104. A alcaldesa e deputada provincial asegurou que as citadas vías serán reparadas pola Deputación no ano en curso.