Partido Popular de Lugo

O PP advirte que o alcalde non eximiu finalmente aos hostaleiros locais da taxa das terrazas, faltando así á palabra dada na Xunta de Voceiros

O Grupo Municipal do Partido Popular de Burela advirte que o alcalde non eximiu finalmente aos hostaleiros locais da taxa das terrazas ao longo deste ano que ven de rematar, faltando así á palabra dada na Xunta de Voceiros da semana pasada.

 

O voceiro deste Grupo, Manuel Rouco, reflicte que se trata dun incumprimento máis do rexedor socialista, e que se pode comprobar na documentación levada ao pleno extraordinario que a Corporación vén de celebrar.

 

“O Sr. Llano e a mentira pasean da man por Burela”, afirma o popular, quen lamenta constatar, unha vez máis, que a xestión do goberno local carece de rigor. “Máis ben non existe”, remarca. Proba delo é que a entidade local tampouco abonou un só euro dos 50.000 que presentou como “salvavidas económico” para os autónomos do municipio.

 

“A irresponsabilidade” do goberno de Burela

“A irresponsabilidade” do executivo burelés chega a tal punto que a documentación dos puntos da orde do día non se correspondía coa temática a tratar. Ademais de expedientes con documentos en branco, parte das ordenanzas presentadas non tiñan relación coas que eran obxecto de votación. “Unha auténtica trapallada do Sr. LLano e do seu equipo de goberno”, manifesta Rouco.

 

Asemade, no caso das normas fiscais sometidas a debate, o máis destacable, di, “é o lavado de cara que lles fixo”. “Nin tan sequera profundizou nelas, xa que só conlevan unha rebaixa fiscal ao final do ano que vén duns 10.000 euros”.