Partido Popular de Lugo

O PP abstense no Plan Único da Deputación por falta de consenso e por non aceptar o goberno incrementalo ata os 25 millóns

O grupo provincial do PP anunciou na sesión plenaria celebrada pola Deputación esta mañá, antes da correspondente votación, que se abstería de dar o visto bo as bases do Plan Provincial Único de Cooperación cos concellos 2021, segundo explicou o portavoz popular, Javier Castiñeira, “non foi chamado a participar; salvo “que se recolla a emenda de subir ata 25 millóns o importe do plan e acepte o compromiso de repartir os fondos europeos con criterios obxectivos e pactados entre todos os grupos desta corporación”.

 

O portavoz popular iniciou a súa intervención felicitando ao presidente, José Tomé, porque “cremos –dixo- que é unha mellora substancial aprobar as bases do plan antes de iniciar o exercicio 2021 tal e como lle pediamos en marzo deste ano cando aprobamos o do 2020”. Está convencido de que desta maneira “axúdase bastante aos concellos a xestionalo e poder facer os tramites con maior seguridade xurídica”. A continuación puntualizou que “de igual que é xusto e de recibo felicitalo polo prazo tamén lle dicimos que non pode estar satisfeito, porque satisfeito podería estar se trouxese un plan consensuado e traballado coa oposición, que novamente coñeceu pola prensa que se van aprobar as bases do plan único neste pleno”. A pesar de todo, Castiñeira confirmou o “ofrecemento do grupo popular a colaborar e volvemos repetirllo a pesares do seu ninguneo continuo”.

 

Castiñeira sostivo que Tomé, como fixo en relación cos orzamentos, demostra de novo que non é home de acordo e consenso, e que, se quere parecerse ao seu predecesor, debe mellorar. Sinalou: “Cito ao señor Campos porque foi el, a iniciativa da popular Elena Candia o que pactou a creación dun Plan Único anual de reparto con criterios obxectivos; vostede señor Tomé vive desas rendas e non foi capaz nestes dous anos de pactar co partido maioritario nin un so acordo transcendental para a provincia”.

 

Castiñeira dixo tamén que Tomé non pode estar satisfeito dado que incumpre a súa promesa e practicamente conxela o importe do Plan Único, de maneira que apenas se incrementa en 200.000 euros. Lembrou que Tome prometera unha suba do 25%. O portavoz popular está convencido de que Tomé non alcanza a comprender que o ano 2021 será decisivo e excepcional.

 

A proposta do PP é esta: “Incorpore os 3,5 millóns de euros  do fondo extraordinario do ano pasado ao Plan Único, o que suporía aproximadamente un 15 % para este ano e ir avanzando na súa promesa”. Castiñeira lembrou as decisións adoptadas na Deputación da Coruña: “Subiron o Plan Único un 37% pasando de 47,2 millóns de euros a 64,6 millóns. Na Deputación da Coruña o Plan Único respecto ao orzamento de 185 millóns de euros supón un 35%, mentres que en Lugo esa cantidade redúcese a un 23%, máis baixo aínda que a Deputación de Pontevedra no que o plan de concellos supón un 25,7% en comparación co orzamento (42,5 millóns do plan concellos cun orzamento de 165 millóns)”.

 

Castiñeira está convencido de que Tomé non incrementa o Plan Único porque así “ten máis cantidade para os convenios a dedo. recórdolle o que nos dixo o ano pasado, que non se podía incrementar en 700.000 € posto que non se cumpría a estabilidade e semanas despois traen 3,5 millóns sacados do remanente para convenios a la “carta”, que a día de hoxe convertéronse xa en 4,87 millóns”. Explicou que “deses 4,87 millóns só o 3 % foron para concellos do PP a pesares de ser case que a metade, pola contra os do PSOE levan o 50% e os BNG, que son 4, o 15%”. Os populares din  que “ese é o reparto que lles gusta a vostedes, polo que se Campos e Candia non firmaran o Plan Único no 2017 vostedes non o terían implantado”.

 

O portavoz popular manifestou: “Sabemos, señor Tomé que non lle gusta o Plan Único: non lle gusta, porque vostede é máis de dar de comer á boca e non da autonomía local”. Engadiu: “tampouco nos gusta que elimine as prórrogas. Xa llo dixemos o ano pasado”. Preguntou ao presidente se sabía cantos concellos solicitaron prórrogas na última edición do plan e responde el mesmo: 32.

 

Castiñeira insistiu na súa petición a Tomé: “corrixa a cantidade e suba 3,5 millóns a cantidade total ata os 25 millóns porque pode facelo como así se demostrou o pasado ano a cargo do remanente e pedímoslle tamén neste caso un reparto obxectivo dos fondos de recuperación que poda percibir a deputación de Europa, e suplementar o plan único unha vez os reciba”.