Partido Popular de Lugo

Castiñeira afea ao PSOE que rexeite as iniciativas para mellorar a estrada Paradela- O Saviñao e medidas para facer máis competitivas ás empresas electrointensivas

Rematado o pleno celebrado no día de hoxe pola corporación provincial, o portavoz do grupo popular, Javier Castiñeira, fixo unha valoración da sesión na que dixo que “vai na liña das últimas, concretamente da dos orzamentos, na que non se escoitou ao PP e hoxe, no relativo ao Plan Único,  exactamente o mesmo”. Lamentou que cada pleno se confirme que “non se conta co grupo que ten máis deputados”, que é o PP.

 

Os populares defenderon dúas mocións. Javier Castiñeira sinalou sobre a presentada para conseguir o ensanche, mellora de trazado e pavimentación do tramo viario entre Paradela e O Saviñao: “Moi sorprendido pola reacción do Partido Socialista. Neste caso, pediamos que se anule a obra que ten prevista a Deputación para esa estrada, que só prevé a renovación do pavimento; son os veciños e os usuarios os que o piden, porque mentres non se quiten curvas perigosas e se amplíe o seu ancho, non se resolverá de verdade o problema.  É algo que pide tamén o propio Partido Socialista de Paradela e non tendemos como o PSOE da provincia de Lugo non é capaz de entender aos seus propios concelleiros en Paradela”.

 

O portavoz popular sinalou, con respecto á outra moción, que tiña por obxectivo instar ao Goberno de España a adoptar medidas en relación co prezo da enerxía para as empresas electrointensivas: “Todo o mundo está de acordo en que o estatuto electrointensivo aprobado polo Goberno é insuficiente, menos o PSOE, que non apoia as reivindicacións nin dos traballadores, nin da industria electrointensiva, nin dos gobernos de Galicia, Asturias e Cantabria. Estivemos de acordo o PP e o BNG, mentres que o Partido Socialista non aprobou esta iniciativa, que consideramos moi necesaria, porque o estatuto tal como está non serve a industria galega nin a lucense, que depende deste estatuto para ser más competitiva”.