O pleno da corporación provincial debaterá mañá en sesión plenaria as bases do Plan Único de Cooperación cos Concellos. O grupo provincial do PP lamenta que o presidente da Deputación, José Tomé (PSOE), noutra demostración de incapacidade para o diálogo, non chamase aos deputados populares para consensuar este documento. O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, está convencido de que “se por Tomé fose, hoxe non habería plan único na provincia de Lugo, porque non sabe o que é o reparto equitativo e obxectivo”.
O portavoz popular di que o goberno provincial non pode estar satisfeito da súa proposta de bases para o Plan Único porque non foi consensuada co grupo con máis deputados, o popular. Castiñeira, pese ao ninguneo inxustificable ao que pretende someter Campos ao grupo do PP, reitera o seu ofrecemento a colaborar para resolver da maneira máis eficaz para a provincia as cuestións máis relevantes.
Castiñeira sinala: “Tomé nunca sacaría adiante un plan único como se sacou baixo a presidencia do seu antecesor e compañeiro de partido, Darío Campos, a petición, por iniciativa do PP cando tiña por portavoz a Elena Candia. El foi capaz de pactar a creación dun Plan Único elaborado con criterios obxectivos. O Plan Único venlle imposto da anterior corporación, dun pacto que todo o mundo sabe entre Campos e o PP de Elena Candia, en decembro de 2016, para aprobar os orzamentos cando o BNG rompeu o pacto cos socialistas”.
En opinión do portavoz popular, “Tomé vive das rendas e foi incapaz nestes dous anos que leva presidindo o goberno provincial de pactar co partido maioritario na Deputación nin un só acordo transcendental para a provincia”. Os populares din que o actual presidente da Deputación “non é home de acordo e de consenso, unha carencia que debe remediar se quere parecerse en algo ao seu antecesor, Darío Campos”. Sinala igualmente: “Se por Tomé fose, eses 21 millóns de euros que se van aprobar irían directamente á política partidista que está a levar, como se demostra no reparto dos fondos de designación directa”.
Castiñeira está convencido de que o socialista Tomé non quere incrementar o Plan Único para dispoñer de máis cartos para “os convenios a dedo”, nos que fixo un reparto no que só o 3% foi a concellos gobernados polo PP, mentres que os do PSOE levaron máis do 40% e os do BNG, o 15%, e, o resto, para outros. “A Tomé non lle gusta o reparto con criterios obxectivos, prefire dar de comer na man para que parece que é el o que achega os cartos, algo así como o que pretendeu Pilar Cancela ao dicir, para escándalo dos cidadáns, que as vacinas contra a covid as paga o Goberno de Pedro Sánchez”.
O portavoz dos populares di ao presidente da Deputación: “Si, vostede é máis partidario de dar de comer na man que da autonomía local. E como é así ten que mellorar moito en canto a aplicar criterios de xustiza á hora de repartir os fondos dispoñibles e para facelo con diálogo, buscando o consenso; como non o fai, dicímoslle que non pode estar contento”.