O voceiro do Grupo Municipal do PP de Ribadeo, Daniel Vega, destaca que “Ribadeo será un pobo estratéxico na marca Xacobeo 2021 como inicio de etapa e porta de entrada en Galicia do Camiño Norte”.
Así o explica con motivo da inminente entrada no Ano Santo 2021 que foi o motivo polo que na pasada noite se iluminaba a fachada da igrexa parroquial ribadense cunha frecha amarela e a identificación do Xacobeo 2021.
“Con motivo do Xacobeo 2021 ábrese para o noso municipio un abanico de posibilidades baixo a marca ‘Ribadeo no Camiño, Ribadeo Porta Norte’. Por iso o popular pide “colaboración institucional” porque “nesa liña está o éxito de todos”.
Pola súa banda, dende o Grupo Municipal Popular traballan a diario para atraer orzamento. Polo momento, a Xunta ten achegado xa 15.000 bolsas ao comercio local nesta campaña de Nadal co distintivo de Ribadeo como porta do Camiño que supón un investimento de 7.000 euros.
“A liña estratéxica a seguir co tecido económico local nos vindeiros anos está en relación co Xacobeo 2021”, conclúe.