O portavoz popular en Castroverde, Rubén Otero, á vista do acto protagonizado polo presidente da Deputación, José Tomé, para, unha vez máis, dar por inaugurada a residencia de maiores deste municipio, di que “máis vale tarde que nunca” e que non é sen tempo que estea operativo.
Otero dá os seus parabéns ao alcalde, o socialista José María Arias, porque, por fin parece que a residencia vai entrar en servizo, “despois de 14 anos do inicio do proxecto e cinco anos despois da primeira inauguración a cargo de Gómez Besteiro”.
O portavoz popular en Castroverde non foi invitado o acto de posta en funcionamento da residencia. Neste sentido, Otero declara: “Quero poñer de manifesto o sectarismo co que actúa o goberno provincial, neste caso concretamente a parte socialista do bigoberno da Deputación”.
Otero avisa: “Estaremos moi pendentes e velaremos pola calidade dos contratos e das adxudicacións que se fagan”. Di que o PP estará moi atento a que se garanta a calidade da atención e o benestar dos usuarios da residencia.