O grupo provincial do PP participou hoxe nas reunión dos órganos reitores das dúas reservas da biosfera que ten a provincia: Terras do Miño e Terras dos Ancares, ambas coordinadas dende a Deputación de Lugo. O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, lamenta ao fío destas dúas reunións “a falta de compromiso do goberno provincial con respecto a estas reservas, que vai na mesma liña que a que reflicten os orzamentos do 2021; unha liña continuista, na que se reduce o investimento, que tamén afecta ás reservas”.
Castiñeira explica: “En concreto, en Terras do Miño conxélase o investimento en 15.000 euros, cantidade que resulta totalmente insuficiente para esta reserva, que é unha das máis grandes de España; no 2022 cumprirá vinte anos, polo que o 2021 debera ser un ano clave para preparar e organizar ese aniversario e apreciamos un desinterese absoluto por celebrar tan significativa efeméride”.
O portavoz popular di que é na reserva de Terras dos Ancares “na que se fai máis dano, porque se reduce o investimento en 40.000 euros, o que é totalmente inadmisible polo que prexudicará aos intereses desta reserva”. Castiñeira di: “Pedimos á Deputación de Lugo que cambie, que faga o posible por modificar esta situación, aínda que moito nos tememos que agora xa sexa tarde, porque estas reunións celébranse despois de aprobar os orzamentos da Deputación; ás reservas o único que lles queda é presentar alegacións a estes orzamentos porque prexudican seriamente os seus intereses”.
No PP critican “que a política medioambiental do goberno da Deputación de Lugo sexa reducir os investimentos nas reservas da biosfera e que isto se teña producido sen ter avisado antes aos órganos reitores”.