Partido Popular de Lugo

Dez persoas moi coñecidas e cun perfil profesional amplo acompañan a Sandra Vázquez na xestora do PP de Vilalba

A presidenta da xestora do Partido Popular de Vilalba, Sandra Vázquez, acompañada da presidenta provincial, Elena Candia, presentou este xoves o equipo que a acompañará neste órgano para recuperar a alcaldía nas vindeiras eleccións municipais

 

Sandra Vázquez explicou así que se trata dun grupo de 10 persoas “amplamente renovado”, destacando por ser moi coñecidas no municipio, debido á súa actividade e perfil profesional. Neste senso, inclúense empresarios, traballadores do sector servizos, sanitario, educación ou deportivo. Ademais, residen en parroquias moi representativas do municipio vilalbés.

 

“Experiencia e xuventude para construír un equipo gañador”

Á hora de conformar este órgano, Vázquez sinalou que, ademais de ser paritaria, a xestora está formada por “un grupo de traballo para construír un equipo gañador e un proxecto de goberno”. Combina tamén “experiencia e xuventude”, pois a media de idade é de 40 anos.Tan só o primeiro da lista conta con máis de 60; o resto, sitúase entre os 24 e os 50 anos.

 

“Cremos que, nestes momentos, o que máis precisamos como partido é aprender dos que contan con máis percorrido en política pero tamén do que, por idade, representan aire novo, entusiasmo e gañas de facer cousas polo noso pobo”, indicou.

 

 

Xestora “aberta” a novas incorporacións

A dirixente do novo órgano manifestou que se trata dunha xestora “aberta”, polo que non descarta novas incorporacións nos vindeiros meses. “Son un equipo comprometido e con gañas de traballar para que o PP volva a gobernar en Vilalba. Agradezo que desen este paso adiante e o seu compromiso para seguir sumando e devolver o prestixio que tiñamos como Concello e sociedade antes da chegada dos socialistas ao goberno”, afirmou.

 

Apoio da dirección provincial

Elena Candia agradeceu a Sandra Vázquez o traballo realizado durante todos estes meses para configurar un grupo tan “ecléctico que, estou convencida, dixo, saberá empatizar co sentir dos vilalbeses para logo levar ao PP á alcaldía”.

 

A presidenta provincial púxose a disposición do novo equipo de Vilalba “para seguir traballando polos vilalbeses dende o partido e dende todas as institucións”, xa que, sinalou, “somos a única alternativa”.

 

Xestora ao completo

A xestora ao completo é a seguinte:

1.- Sandra Vázquez, de Torre. Deputada autonómica e extraballadora da Banca.

2.- José Franco Criado, de Vilalba. Xubilado e presidente provincial de voluntarios de Protección Civil.

3.- Agustina Fernández Pérez, de Lugo. Farmacéutica no centro de saúde de Vilalba.

4.- José Manuel López Barrio, de Vilalba. Director do colexio de Román.

5.- María Flor Rey Martínez, de Goiriz. Traballadora.

6.- José María García-Leira Boado, de Vilalba. Empresario.

7.- Inmaculada Ramudo Rodríguez, de Corvelle. Enxeñeira Técnica en Topografía.

8.- José Manuel Seoane Pernas, de Román. Empresario.

9.- Fany González López, de Belesar. Matrona.

10.- Carlos Rivas Cordal, de San Cosme de Nete. Traballador da empresa Entrepinares. Persoa moi vencellada ao deporte vilalbés.