A presidenta da xestora do PP de Vilalba, Sandra Vázquez, adianta que a vindeira semana presentará o equipo que a acompañará neste órgano para recuperar a alcaldía nas vindeiras eleccións municipais. A popular fai este anuncio logo da reunión de traballo que vén de manter coa presidenta provincial e tamén deputada autonómica, Elena Candia.
Sandra Vázquez indica que este equipo “vai ir medrando pouco a pouco” e que estará “plenamente comprometido co partido que lle deu a Vilalba todo o que ten”.
Esta reorganización, que experimenta a formación chairega, resposta ao obxectivo de acadar a gobernabilidade para dar aos veciños, afirma a presidenta da xestora, “estabilidade e xestión; xusto o que perdemos coa entrada dos socialistas no Concello”.
“A única alternativa”
A máxima dirixente dos populares na provincia manifesta a súa satisfacción polo anuncio da súa compañeira no Parlamento, pois “somos a alternativa, a única con capacidade de liderado e de xestión para gobernar en Vilalba”.
“Os veciños deste municipio sábeno ben. Deste pobo é o noso fundador e del herdamos como partido a estratexia política e de goberno necesarias, baseadas no traballo e no compromiso con este pobo”, remarca Elena Candia.
Apoio dende o partido e dende as institucións
A presidenta provincial apunta, deste xeito, que a configuración do novo equipo supón “un paso máis para a recuperación deste Concello”. Neste senso, trasladou todo o seu apoio a Sandra Vázquez e ao futuro equipo para “seguir traballando polos vilalbeses dende o partido e dende todas as institucións”.