Partido Popular de Lugo

O PP insta á Deputación a corrixir a súa falta de apoio ao sector pesqueiro e establecer axudas ás cofradías de pescadores para o 2021

O grupo provincial do PP reclama do goberno da Deputación, presidido polo socialista José Tomé, que corrixa a inexplicable ausencia, de novo, no orzamento da institución para o próximo ano de axudas ás distintas cofradías de pescadores da provincia. O portavoz provincial dos populares, Javier Castiñeira di: “Pedimos ao goberno da Deputación  que solvente este déficit, que traballe directamente cos patróns maiores e busque unha solución para corrixir este grandísimo erro que hai nos orzamentos para o ano 2021, que é unha falta absoluta de apoio as cofradías da provincia de Lugo”.

 

Castiñeira explica: “Traballando sobre os orzamentos do ano 2021, aprobados recentemente, o grupo provincial do PP constata que non figuran subvencións nominativas para as cofradías de pescadores  da provincia de Lugo. Hai varios anos si tiñan unha subvención de 3.000 euros, unha cantidade que o PP consideraba moi escasa sabendo o importante que é este sector para a provincia”.

 

O portavoz popular sinala: “Para o 2021 só figuran 18.000 euros para a Federación de Cofradías, cantidade absolutamente insuficiente. A pesca é un sector moi importante para a provincia de Lugo; temos dous dos portos máis importantes do Cantábrico (Burela e Celeiro), pesqueiras moi importantes como a do bonito e a pescada, tamén o arrastre, a baixura, o cerco… É penosa a falta de compromiso da Deputación de Lugo co sector do mar, que é o gran esquecido por este organismo”.

 

Javier Castiñeira declara: “Non hai máis que mirar para o lado, por exemplo para a Deputación da Coruña, que aporta 160.000 euros para  todas as cofradías, ou a de Pontevedra, con 240.000 euros. Ese o compromiso que teñen as deputacións costeiras de Galicia e, a que menos, a de Lugo”.

 

O portavoz do PP sinala: “Hai uns anos aínda se facía un pequeno xesto; non chegaba para moito, porque 3.000 euros para unha cofradía non daban para moito, pero axudaban; agora a aportación é cero: única e exclusivamente  se limita á axuda á Federación de Cofradías”