Partido Popular de Lugo

O PP de Xermade cre que o goberno local paraliza a tramitación da aprobación definitiva do PXOM

O Grupo Municipal do Partido Popular de Xermade preguntará ao goberno local no vindeiro pleno se ten previsto realizar os traballos necesarios para a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), entre outros asuntos de interese municipal coma a titularidade das escolas das parroquias ou a reposición da legalidade con respecto a unhas obras na parroquia de Cazás. Tamén preguntarán se o goberno local informou á empresa concesionaria do mantemento do alumeado público do fallo xerado no núcleo de A Criba, en Roupar, trala instalación do alumeado de Nadal contratado a outra empresa.

 

O voceiro popular, Antonio Riveira, explica que o PXOM foi aprobado inicialmente no 2015 co voto a favor do grupo de goberno actual; pero, cinco anos despois, non se teñen noticias de avances. Riveira lamenta, neste sentido, que “a este paso o documento que se aprobou inicialmente non vale para nada, haberá que facer todo de novo”.

 

O popular critica que “cando se lle pregunta, a escueta resposta do alcalde refírese a que a Confederación Hidrográfico do Miño-Sil esixe que estean legalizadas todas as traídas particulares do municipio”. Esta parece, máis ben, segundo indica o popular “unha escusa para seguir paralizando a tramitación dun documento actualizado sobre planeamento porque, se ben pode ser recomendable ou aconsellable, non pode ser un impedimento para tramitar a súa aprobación”. Nese sentido, preguntará cales son concretamente as condicións requiridas polo organismo de conca, se o goberno local ten intención de comunicar aos veciños a necesidade de legalización das traídas e se ten previsión de traballos para acometer a aprobación definitiva do PXOM.

 

Escolas e edificios veciñais

Riveira subliña o interese do alcalde cando estaba na oposición en que se recoñecera o dereito de propiedade sobre a escola do Pazo en Lousada para a asociación El Progreso de Lousada cando o edificio figuraba no inventario municipal. E, polo tanto, pregúntalle se empregará o mesmo criterio para recoñecer a titularidade veciñal dos das escolas da Casavella e Calvario, en Cazás, e Os Cruceiros en Burgás construídas coas aportacións dos veciños e doutros na emigración, pero que figuran no rexistro catastral a nome do Concello.

 

Os populares interésanse polos pasos a dar dende o Concello en relación a este asunto e se pensa exercer o seu dereito a inventarialos como inmobles municipais, se o goberno local ten previsto emitir informe sobre esa titularidade e se contará co acordo dos veciños afectados.

 

O campo de Santo Estebo, en Roupar, é propiedade da asociación de veciños e, polo tanto, dende o Grupo Municipal do PP queren coñecer as condicións do convenio subscrito para facer un parque infantil.

 

Reposición da legalidade de obras en Cazás

Os populares preguntarán tamén polas actuacións da alcaldía con respecto a unhas obras no núcleo do Castro da Igrexa de Cazás que carecen de licenza urbanística e que foron denunciadas pola titular da vivenda colindante. A este respecto, o Grupo Municipal Popular quere saber se o alcalde ten constancia das denuncias presentadas e rexistradas en varias datas, se ten coñecemento de que non hai autorización da consellería de Cultura pola afección ao castro da igrexa nin tampouco da Deputación para retirar peches, facer outros novos e taponar desaugues de tubos paralelos á estrada provincial e practicar novo acceso desde a estrada. Así mesmo, preguntarán se o goberno local ten previsto dar algunha orde para que os servizos urbanísticos emitan informe sobre as obras realizadas para coñecer se son axustadas á lei ou legalizables.