Partido Popular de Lugo

O PP insta a Tomé a garantir o compromiso da Deputación para construír o polígono industrial de Baralla, establecido xa nun convenio con Suplusa no ano 2006

Facilitar solo industrial en condicións atractivas é fundamental para estimular a economía dos concellos e, no caso de provincias coma a de Lugo, imprescindible para frear o despoboamento. No ano 2006, a Deputación, Suplusa e o Concello de Baralla firmaron un convenio para desenvolver un polígono industrial en Vilartelín, de máis de 200.000 metros cadrados. A día de hoxe, en Baralla seguen sen polígono industrial. O viceportavoz provincial do PP José Antonio García insta ao presidente da Deputación a confirmar o compromiso da institución provincial para crear o parque empresarial de Baralla, un compromiso xa recollido no convenio do 2006, cuxa vixencia reclamou o alcalde, Miguel González, en carta dirixida a Tomé no pasado mes de novembro, antes do acordo, co voto en contra do PP, de extinción de Suplusa. Nesa misiva, o alcalde, destaca José Antonio García, facía fincapé en que Suplusa adquiriu no ano 2005 un total de 300.000 metros cadrados de terreo no lugar de Vilartelín con destino á futura construción dun polígono industrial, o que supuxo un desembolso de 1.500.000 euros. O alcalde reclamou “que a Deputación Provincial de Lugo asuma o convenio asinado no seu día con Suplusa, e polo tanto a súa execución”.

 

García di que o presidente da Deputación ten que demostrar vontade de manter os convenios establecidos por Suplusa cos concellos para a creación de polígonos industriais. De feito, o PP, segundo recorda o viceportavoz do PP, votou contra a extinción da sociedade provincial Suplusa porque o presidente da Deputación non garante que se manterán os compromisos para a creación de solo industrial, entre outros concellos, en Baralla. O viceportavoz popular di: “Non é admisible a paralización de todo o solo industrial previsto na provincia, e non deixaremos de reclamar que se cumpran pola Deputación os convenios establecidos entre Suplusa e os concellos lucenses”.

 

José Antonio García sinala: “É necesario que Tomé mostre vontade de manter eses compromisos. É preciso que sexa así para superar os problemas económicos da provincia en xeral, e dos concellos en particular; no caso que nos ocupa, do de Baralla”. Engade: “É algo que levamos esixindo dende o momento en que se propuxo a liquidación de Suplusa e sobre o que Tomé non acaba de adquirir compromisos”.

 

O mesmo representante do PP indica: “Está moi ben que o presidente da Deputación se desprace pola provincia, pero é hora de que confirme que o polígono deste Concello figura nos planes dos organismo provincial, cumprindo o convenio firmado no seu día polos entón presidente da Deputación e alcalde de Baralla”.

 

García explica que o actual alcalde de Baralla, Miguel González, remitiu unha carta ao presidente da Deputación, no pasado mes de novembro, antes do acordo de extinción de Suplusa, no que recordaba que no punto 13 do convenio establecido en 2006 se di que “a vixencia do dito convenio manteríase ata a realización total das obras e a súa aplicación ao fin previsto”.

 

No convenio establecido en decembro de 2006, o Concello de Baralla comprometíase a modificar puntualmente o planeamento xeral para cualificar como solo urbanizable non delimitado unha superficie de 306.084 metros cadrados, así como a tramitar os expedientes necesarios para a adquisición dos terreos. Igualmente, o Concello asumía o compromiso de dotar ao polígono de todos os servizos necesarios: auga, sumidoiros e enerxía eléctrica, ademais de establecer compromisos firmes con empresas para o seu asentamento no polígono. O concello encargaríase da conservación dos espazos públicos.

 

Pola súa banda, Suplusa comprometíase a desenvolver, en un ou en varios sectores, unha superficie de 214.705 metros cadrados. Suplusa asumía a responsabilidade de redactar o proxecto técnico, para o seu desenvolvemento por fases, segundo a demanda. Tamén sería a encargada de contratar as obras e da venda das parcelas. A Deputación comprometíase a prestar apoio económico e técnico para o desenvolvemento da nova área industrial.