Partido Popular de Lugo

O PP insta ao goberno provincial a axustar as excesivas esixencias que fixa pola covid para o uso do Pazo dos Deportes ás condicións establecidas pola Xunta e as federacións

O PP, sempre en contacto coa realidade da provincia, deu a coñecer días pasados os problemas aos que se enfrontan os clubs deportivos polas restricións excesivas que impón o goberno provincial para o uso das instalacións do Pazo de Deportes e dos seus anexos. Agora demanda do equipo que preside o socialista José Tomé que  “asuma que está dando as costas aos clubs nun momento tan difícil como é este debido á covid, pero sobre todo que non dá solucións ao uso no día a día das instalacións provinciais; isto é o que máis nos preocupa e instamos ao goberno provincial a que cambie canto antes este estado de cousas”.

 

O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “As recentes declaracións de varios responsables de clubs deportivos lucenses confirman a veracidade das denuncias que fixo o PP polo exceso de celo e as restricións excesivas no uso de instalacións provinciais, como é o caso do Pazo dos Deportes, establecidas polo goberno da Deputación por causa da covid; confirman, polo tanto, que, como puxo de manifesto o PP, existe un problema serio. Non é algo novo, aínda que a covid agravou unha situación que xa vén de vello”. Castiñeira ve con sorpresa que “dende a delegación de Deportes da Deputación se segue negando, polo señor Efrén Castro, que haxa exceso de celo, pero tanto  as diferentes federacións como a Xunta confirman que si existe e que os clubs teñen razón”.

 

O portavoz popular recorda que “xa hai protocolos establecidos pola Xunta de Galicia e polas federacións” e recoñece que “a Deputación, como titular desas instalacións, pode facer o que queira”. Sinala: “Entendemos que o goberno provincial debe facilitar a práctica do deporte coa maior das seguridades, pero sen excederse porque, ao final, acaba impedindo a práctica deportiva nas instalacións provinciais dunha forma máis ou menos normal, dentro desta nova normalidade”.

 

Castiñeira declara: “Dicimos que isto non é algo novo porque xa hai moitos anos que os clubs se queixan de falta de coordinación por parte da delegación de Deportes da Deputación no uso das instalacións provinciais. É certo que a Deputación aporta moitas axudas económicas, moi necesarias para a actividade deportiva na nosa provincia e que veñen moi ben para a subsistencia destes clubs, pero iso non é o único. Temos unha provincia moi comprometida co deporte, que ten clubs profesionais, que traballa moi ben a base. Todo ese traballo desas asociacións e clubs ten que estar apoiado polas Administración, non só economicamente senón tamén dando solucións aos problemas do día a día, que é o que non está a dar a Deputación. Problemas de uso de instalacións  para os adestramentos, de calendario de partidos; é moi necesario o traballo directo cos responsables dos clubs, que ás veces necesitan solucións con urxencia. Vemos que iso resulta moi difícil coa Deputación de Lugo, porque existe moita burocracia”.

 

Os populares piden “ao goberno da Deputación que asuma que está dando as costas aos clubs nun momento tan difícil como é este debido á covid, pero sobre todo que non dá solucións ao uso do día a día das instalacións provinciais; isto é o que máis nos preocupa e esperemos que cambie o antes posible”.