Minutos antes de comezar o pleno da Deputación, o portavoz popular, Javier Castiñeira, confirmou o voto en contra do seu grupo tanto á disolución de Suplusa, nas condicións en que se pretende levar a cabo, como ao orzamento da institución provincial para 2021.
Castiñeira sinalou: “O grupo provincial do PP vai votar en contra da extinción de Suplusa no pleno de hoxe, mentres non se resolvan os tres aspectos fundamentais. Imos pedir que se deixe este asunto riba da mesa e que se constitúa canto antes unha mesa de negociación para resolver eses tres puntos”. Explicou: “O primeiro é o do persoal, que debe subrogarse á Deputación, como pasou cos traballadores da TIC ou cos do Inludes; por outro lado, a Deputación ten que aclarar que persoa mandou usar a maquinaria de Suplusa por Tragsa sen permiso da sociedade provincial, e esa persoa non pode seguir estando no goberno; terceiro, confirmar a todos os concellos que seguen vixentes todos os convenios establecidos con Suplusa; se non é así, Suplusa pecharase en falso”.
O portavoz popular engade outra cuestión ás tres xa indicadas: “A cuarta cuestión é que pechando Suplusa non se adelgaza a Deputación; o goberno da Deputación é como a xente que ten moita vontade de adelgazar despois das festas, bótalle a culpa aos hidratos de carbono, que neste caso son os que dan enerxía, como é o caso de Suplusa para a administración, e vemos que seguiu engordado, porque comeu de Tragsa”.
Con respecto aos orzamentos, Castiñeira di que para o PP “é imposible aprobalos, porque son orzamentos para outra época, para un tempo sen covid”. Destaca que nas grandes contas da Deputación para 2021, “conxélase o Plan Único, son continuistas e non teñen en conta ao tecido produtivo, nin as condicións económicas que vai sufrir a provincia no 2021”. Explica: “Rebáixase a inversión, case tres millóns de euros, o que é gravísimo; rebaixase tamén un 17% a partida de fomento do emprego e non hai axudas a empresas autónomos e pymes que o necesitan”. Por todo elo, “para o PP é imposible aprobar, porque son negativos para a provincia”.