Partido Popular de Lugo

O grupo popular reclama ao goberno provincial que subrogue na Deputación aos traballadores de Suplusa que agora están en Tragsa, igual que fixo cos seus compañeiros

Os membros do grupo provincial do Partido Popular cada día están máis convencidos de que o control que levan a cabo sobre o proceso de extinción de Suplusa molesta e pica ao goberno da Deputación de Lugo, presidido polo socialista José Tomé. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Son moitas as razóns  polas que cremos que isto é así. No PP xa dixemos que pensamos que se está cerrando en falso e ás presas este asunto  e cada día nos convencemos máis”.

 

Castiñeira explica as razóns polas que os populares teñen a impresión de que o goberno provincial quere esconder algo no caso de Suplusa: “Pola non resposta do goberno da Deputación ás nosas dúbidas e por intentar tapar un asunto tan importante como é o de disolución de Suplusa metendo na mesma sesión plenaria o debate dos orzamentos da institución provincial para 2021; son dous asuntos importantes que merecían senllos plenos extraordinarios”.

 

O portavoz dos populares destaca: “O máis grave de todo é que hai traballadores de Suplusa que non están sendo escoitados e, aínda peor, que non están sendo tratados igual que os seus compañeiros; refírome aos traballadores das zonas verdes, que a Deputación subrogou a Tragsa inxustamente e que piden ser subrogados, como o resto dos traballadores de administración de Suplusa, na Deputación. Algo que se fixo tamén cos traballadores da TIC e cremos xusto e normal que así se fixera”.

 

Javier Castiñeira diríxese ao presidente da Deputación: “Dicímoslle ao presidente da Deputación que aínda está a tempo de falar cos seus ex compañeiros, que use as súas dotes de sindicalista para tratar de solucionar este asunto. Para o PP, para pechar Suplusa ten que estar todo ben feito; a cuestión laboral están sen solucionar. Hai practicamente un ano que o levamos pedindo (recordamos que no pleno de final de decembro, no que reclamabamos os dereitos dos traballadores, estaban presentes os afectados e o presidente expulsounos da sesión); non se  está portando ben cos seus ex compañeiros, que merecen un trato digno e igualitario co resto dos compañeiros que estiveron nunca situación similar”.