Partido Popular de Lugo

Santín eleva á Valedora do Pobo as súas queixas ante “o desprezo e a discriminación” que supón a falta de resposta á solicitude de admisión á Agrupación de Protección Civil de Cervantes formulada fai máis de dous anos

O voceiro do Grupo Municipal do PP de Cervantes, Javier Santín, eleva as súas queixas á Valedora do Pobo ante a falta de resposta á súa solicitude de admisión, e a doutra ducia de veciños do municipio, á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Cervantes formulada o 25 de setembro do 2018, fai xa algo máis de dous anos.

 

O popular da así un paso máis ante o que considera “desprezo e discriminación por parte do alcalde como máxima autoridade municipal en protección civil e emerxencias -segundo recolle o art. 27.2 da Lei 5/2007, de protección civil- así coma responsable do servizo de protección civil”, explica. Santín condena “a deixadez do alcalde e a súa actitude cómplice ante unha situación da que é perfectamente coñecedor” e asegura que sente “vergoña” ante “esta forma de facer política que non se pode permitir”. Pola contra, sinala que “dende o Grupo Municipal Popular sempre amosamos unha actitude de colaboración co goberno local coa intención de sumar e aportar ideas en beneficio dos veciños de Cervantes”.

 

Santín engade que “xa estiramos a corda o máximo posible: o 30 de xaneiro do 2019 formulamos unha reclamación por escrito ante a Agrupación, como membro do Grupo Municipal Popular elevei distintos rogos ante o pleno da corporación en sete ocasións -o 14 de decembro do 2018, o 18 de marzo do 2019, o 12 de abril do 2019, o 29 de novembro do 2019, o 28 de febreiro, o 3 de xullo e o 27 de agosto deste ano 2020- nas que o alcalde botou balóns fóra e tamén lle trasladei verbalmente en numerosas ocasións a nosa petición para darlle solución á nosa admisión. A última, o día 15 de outubro para poñer no seu coñecemento que ante a falta de resposta á nosa admisión procedería a facer reclamacións máis serias”. Ten presentado tamén unha reclamación ante a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

 

Vulneración de Dereitos

Así, Javier Santín vén de presentar unha queixa ante a Valedora do Pobo denunciando a vulneración do seu Dereito Fundamental de Igualdade no acceso ao servizo de Protección Civil do Concello de Cervantes por razóns políticas e ideolóxicas (artigo 9 CE); de Asociación (art. 22 CE), e do Dereito a participar nos asuntos públicos (art. 23 CE).

 

A actuación do alcalde implica tamén unha vulneración do artigo 12 dos estatutos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil que recolle que: “Poderán incorporarse á AVPC como voluntarios nos operativos todas as persoas maiores de 18 anos que cumpran os requisitos de acceso, sen que en ningún caso poida facerse discriminación por razóns de sexo, políticas, ideolóxicas, relixiosas ou calquera outra circunstancia persoal ou social”.

 

Neste sentido, o popular denuncia tamén que o incumprimento do deber de admisión lle supón “un prexuízo” porque é o motivo polo que as súas solicitudes, cursadas ata en catro ocasións, para o acceso aos cursos de formación para os membros das agrupacións foran inadmitidas”. Polo tanto, “despois de solicitar en numerosas ocasións que puxese fin a esta situación, é hora de que o alcalde tome cartas no asunto”, conclúe.