O Partido Popular de Burela indica que a veciñanza de Burela vai a pagar “agora as consecuencias das decisións ilegais tomadas polo Sr. Llano, e os seus socios de goberno (BNG), no ano 2008”, e é que, tal e como indican os populares, “hai moita diferencia de que goberne un Partido sólido, solvente e preparado, coma o PP, a que trate de facelo unha agrupación sen ningún tipo de rigor”.
Neste sentido, o Grupo Municipal Popular (GMP) expuxo no pleno extraordinario, celebrado este luns, estas “graves” consecuencias. “O informe de secretaría do ano 2016 é moi claro, á sentencia firme do Proxecto Complementario de Torrentes xa se lle tiña que haber dado cumprimento hai, como mínimo, catro anos, pero o Sr. Llano foi alongando os prazos, non sabemos se coa vana esperanza de que a mesma desaparecera por arte de maxia”, indican os populares.
E seguen, “isto supón para os veciños un custe de case que 640.000 euros, só para empezar, que o Sr. Llano non tivo a previsión de incluír nos orzamentos deste ano, lembremos, levados a pleno con máis de 6 meses de retraso, os máis tardíos da historia da nosa vila. Como xa anunciamos daquela, e o tempo deunos a razón, foron feitos tarde e mal”.
Dende o PP reafírmanse en cuestionar, “esa actitude descansada de cara ao traballo do Sr. Llano, chamémoslle así, é a que fai que tódolos veciños paguemos as consecuencias, xa que debemos recordar que tiña que haberlle dado cumprimento á sentencia no ano 2016, e se o fixo agora foi porque lle advertiron dende o xulgado das consecuencias penais que acarearía para el obviar o cumprimento da mesma, se non fora así, nin onte se levaría a pleno esta cuestión”.
Deste xeito, “o socialista tentou corresponsabilizar a toda a corporación levando a pleno un asunto que se tiña que resolver nunha Xunta de goberno local xa que, como xa mencionamos, dende o ano 2016 sabía que lle había que dar cumprimento á sentencia, a cal tiña a súa orixe en dúas Xuntas de Goberno en un Decreto de Alcaldía do ano 2008”.
“En todo este asunto o BNG é un cómplice necesario, e tentou desviar a cuestión como se a formación non estivera nas Xuntas de Goberno daquel ano 2008, cando a primeira tenencia de alcaldía era súa, e nas que se aprobaron as resolucións que, co tempo, se demostraron ilegais”, manifestan dende o PP.
PSOE e BNG non quixeron instar á Xunta para que levantara as limitacións á hostalaría en Burela
Noutra orde de cousas, no pleno de onte sucedeu un novo caso de “hipocrisía política”, tal e como explican dende o PP burelés. “Resulta que, o bipartito PSOE-BNG, para sacar notas de prensa facendo alardes de apoio si que esta presto e disposto, pero cando ten que presentar unha instancia de xeito formal á Xunta, tal e como lle propuxo o GMP, para que esta levante as restricións á hostalaría na nosa vila, entón si que miran para outro lado e non queren facer nada. Isto é o que trae consigo a destrutiva e sectaria política tradicional de confrontación, nada bo para a veciñanza”, conlúen.