O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo e deputado autonómico, Daniel Vega, sinala que “a posta en marcha da plataforma de venda online ‘Ribadeo cerca de ti’ (https://ribadeocercadeti.es) posta en marcha por Acisa coa colaboración do tecido económico local contou cunha achega de 4.000 euros por parte da Xunta de Galicia a través dunha subvención do IGAPE”.
Vega explica que “esta nova ferramenta web permite aos establecementos vender os seus produtos a través da internet tanto aos ribadenses que decidan mercar dende as súas casas coma aos clientes dos establecementos de Ribadeo procedentes doutros lugares coma Asturias, principalmente”. A plataforma arrinca con 40 establecementos de distintos sectores -dende moda, calzado, xoiaría, agasallos, servizos ou, incluso, hostalería-; pero poderanse ir sumando á plataforma máis negocios asociados a Acisa cando o desexen.
O voceiro popular destaca que “esta colaboración mostra un compromiso co tecido económico local” e fai énfase “na aposta pola venda online” que contribúe a “modernizar e profesionalizar máis todo o tecido económico de Ribadeo”. E isto, engade, “redundará nun maior beneficio para o comercio, a hostalería e todas as empresas ribadenses”.
Vega sinala que “detrás deste paso importante hai unha xestión previa” e avanza que “seguimos traballando e xestionando orzamento para diversas iniciativas en Ribadeo” porque “cremos no noso pobo”.