Partido Popular de Lugo

Balseiro destaca que o Plan de Conservación do Souto da Retorta “toma músculo” cun investimento programado de 103.000 euros

O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro destacou hoxe que o Plan de conservación do Souto da Retorta “toma músculo” ao contar cun investimento programado de case 103.000 euros para impulsar ao longo dos próximos catro anos as distintas actuacións de conservación e protección previstas pola Xunta de Galicia.

 

Así o destacou o deputado tras interesarse polo contido e alcance do Plan de Conservación deste monumento natural a través dunha pregunta formulada está mañá no seo da Comisión de Medio Ambiente do Parlamento de Galicia.

 

A resposta correspondeu á Directora Xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, que confirmou que esta ferramenta sirve para identificar os valores que hai que protexer neste espazo e os posibles riscos que poidan afectalos, así como as normas de uso e aproveitamento do solo e dos recursos naturais, e as relativas ao uso público e ás actividades científicas e educativas.

 

 

Máis promoción, mellor sinalización

Como principais novidades, na resposta, a Xunta confirmou varios aspectos de interese de cara á promoción e conservación do eucaliptal como é o caso da instalación dunha pequena infraestrutura tipo balcón ou miradoiro desde onde poder apreciar con maior claridade as dimensións dos eucaliptais monumentais.

 

Tamén confirmou que se están avaliando os terreos privados existentes neste espazo para súa posible adquisición e posterior creación dun aparcamento público e que se instalarán novos carteis de información xeral nas entradas do espazo natural, así como tamén para identificar as especies botánicas máis características ou os sendeiros existentes, que verán mellorado os seus firmes.

 

As medidas de conservación e xestión terán unha vixencia indefinida, sen prexuízo da posible actualización conforme ao estado da ciencia e da técnica, e sen prexuízo da aplicación das medidas de seguimento que correspondan.

 

O plan busca acadar os seguintes obxectivos:

 

   1• Conservar os exemplares monumentais de eucalipto que motivaron a declaración do espazo como monumento natural.

   2 • Conservar a vexetación autóctona e os hábitats naturais e flora e fauna asociados, e favorecer a súa recuperación.

   3 • Preservar a paisaxe e a conectividade ecolóxica no ámbito do monumento natural, así como favorecer a súa mellora e recuperación.

   4 • Ordenar o uso público do espazo de forma compatible coa conservación dos valores do monumento natural, co obxectivo de acadar unha visita de calidade que sexa un recurso que contribúa ao desenvolvemento socioeconómico da contorna.

   5 • Mellorar o coñecemento científico e técnico sobre o monumento natural, así como os riscos e ameazas para a súa conservación.

   6 • Fomentar a sensibilización e implicación social na conservación do monumento natural.