O Grupo Municipal do Partido Popular de A Fonsagrada, que dirixe José Regueiro, lamenta que “o alcalde se acorde agora de pedir un miniparque de bombeiros cando foi o Concello, durante a etapa de goberno de Argelio Fernández, da que el era concelleiro, o que eliminou os GES, deixando desprotexidos aos veciños”.
Os populares queren deixar claro que non se opoñen á demanda do socialista, pero si que consideran que, con tal manifestación, queda claro que se equivocaron ao despedir aos 12 traballadores do Grupo de Emerxencias Supramunicipal e que o PP tiña razón cando solicitou en varias ocasións publicamente que non se prescindise desta prestación tan necesaria para un municipio tan despoboado e con alta dispersión xeográfica.
“Non estamos en contra de que se creen servizos, só faltaría, pero si que criticamos que non se nos fixese caso cando en numerosas manifestacións públicas lle pedimos, e ata suplicamos, aos socialistas que non prescindisen desta prestación que, agora vemos, si que era necesaria e si que tiñamos razón”, afirma Regueiro.
Concretamente, o Grupo Municipal do PP presentou unha moción e un rogo para recuperar este servizo. Foi en setembro de 2019 e en xaneiro deste ano, respectivamente. No caso da moción esta foi aprobada, pero o goberno local fixo caso omiso do acordo, xa que non se levou a cabo.
Despedimentos que saíron caros
Para o voceiro popular resulta “vergoñento” e de “nula memoria e decencia política” que ao actual rexedor non lle importe obviar que foi o seu ex alcalde o que despediu aos traballadores que compoñían o Grupo de Emerxencias. “Eran doce persoas comprometidas dos que se decidiu botar á rúa unilateralmente”, advirte. Pero é que, ademais, este proceso non só supuxo o desmantelamento do servizo, senón que acarreou un importante custe económico derivado dos litixios xudiciais para culminar os despedimentos. “Quitáronnos o que tiñamos e por riba aínda tivemos que pagar por elo. O mundo ao revés”, explica.
É dicir, “foron eles os que nos desprotexeron, foron eles os que destruíron 12 postos de traballo e foron eles os que destinaron os fondos públicos a eliminar este servizo”. “Se se constrúe un miniparque, o PP aplaudirá a iniciativa, pero o que queda claro é que se tivesemos o GES o incendio ao que se refire o alcalde podería ser sofocado con máis efectividade. Resulta lamentable que agora ata eles mesmos queden en evidencia do que fixeron. Pola súa cabezonería deixáronnos sen a seguridade e a protección que de forma tan profesional prestan os Grupos de Emerxencias”, conclúe.