Partido Popular de Lugo

O PP de Foz reclama do goberno local que deixe sen efecto a taxa pola ocupación de vía pública coas ampliacións das terrazas

A ampliación das terrazas foi un recurso absolutamente necesario para a hostalería para facer fronte ás limitacións de aforo necesarias para frear os contaxios da covid-19. Tamén en Foz, pero os hostaleiros comproban que o Concello lles pasa agora a taxa por ocupación de vía pública en función do espazo realmente ocupado, cando estaban convencidos de que o Concello non a aplicaría á parte ampliada. O portavoz do PP en Foz, Javier Castiñeira, sinala: “Queremos dar voz as queixas que moitos hostaleiros nos trasladan estes días porque están chegando os recibos  de ocupación de  vía pública do mes de xuño, un mes no que, recordamos,  o alcalde, despois do confinamento, dixo que ía tratar de eliminar os pagos de varios servizos e facilitar a ocupación de vía pública con terrazas, para facilitar o traballo aos hostaleiros”. Os populares fan unha petición clara: “Pedimos ao alcalde de Foz que reconsidere esa decisión e que trate de que neste ano aos hostaleiros se lles condone esa parte de ocupación da vía pública, porque para nada lles compensou un ano tan complexo e difícil, e que, lamentablemente, vai seguir así”.

 

Castiñeira sinala: “Polo que parece e nos informan e puidemos comprobar, os recibos non é que veñan exactamente igual que os doutros meses, senón polo dobre. Cremos que é absolutamente inxusto. Parece como se o alcalde incitase a que os hostaleiros ocuparan máis vía pública e estes, confiados, pensaron que sería polo mesmo custo” . Os populares din que o correcto sería non cobrar a taxa por ocupación de vía pública;  sería, di Castiñeira,  “o correcto nun ano aciago para a o sector como é este”.

 

O portavoz dos populares en Foz di que “está moi ben ir ás manifestacións, pero hai  que poñer solucións enriba da mesa e neste caso nin o alcalde de Foz nin o bipartito o están a facer”. Engade: “Nin presta axudas a pemes e autónomos, como pediu o PP e como  se está a facer en moitos dos concellos da Mariña,  nin rebaixa o importe das ocupacións de vías públicas que os hostaleiros efectuaron neste ano triste, malísimo para este sector”.

 

Castiñeira sinala: “Quero dicirlle ao señor Cajoto que pense máis nos empresarios, nos hostaleiros e nos comerciantes; necesitan a axuda dunha administración local que a día de hoxe non os está axudando”.