Partido Popular de Lugo

O PP pide por escrito ao goberno da Deputación que explique aos Concellos a posibilidade de substituír as nominativas por outros convenios para non perder as axudas

O Grupo Provincial do Partido Popular vén de pedir oficialmente e por escrito ao goberno da Deputación que notifique e informe aos Concellos da posibilidade de substituír as subvencións nominativas concedidas para fomentar eventos e que non se puideron levar a cabo pola crise da covid-19 por outros convenios que estimen oportunos.

 

O Partido Popular traslada así esta demanda ao bipartito, unha vez detectado que algunhas entidades locais renunciaron a estas achegas pola imposibilidade de celebración e que outras si solicitaron o cambio para realizar investimentos alternativos e non perder as axudas.

 

O voceiro deste Grupo, Javier Castiñeira, considera que “sería unha pena que ese diñeiro que non se executou e que non se quixo traducir en axudas para autónomos e pemes como pedía o Partido Popular, non se usase e si causase remanente, que é o que semella que prefire o goberno”.

 

Os populares fan esta petición por escrito porque, engade Castiñeira, “todos sabemos que é un exercicio complexo, polo que cómpre que se explique pormenorizadamente a posibilidade do cambio aos alcaldes e alcaldesas da provincia”. “Así o apreciamos logo dos informes dos servizos xurídicos, dada a excepcionalidade, e así o pedimos para que todos os Concellos e entidades ou asociacións teñan a mesma oportunidade, pois non sería de recibo de que se perdesen este fondos”, conclúe o voceiro do PP.