Partido Popular de Lugo

O PP reclamará na Deputación solucións para a ponte de Santo Estevo, sobre o Ladra, para que deixe de estar limitada para vehículos de menos de dez toneladas

O grupo provincial do PP presentará na próxima sesión plenaria da Deputación unha iniciativa para instar ao goberno a acometer as melloras necesarias na ponte de Santo Estevo, sobre o río Ladra, de maneira que deixe de ser necesario manter á limitación de paso de vehículos inferiores a dez toneladas. O portavoz provincial dos populares, Javier Castiñeira, visitou a ponte xunto cos alcaldes de Outeiro de Rei, José Pardo, e de Friol, José Ángel Santos.

 

Castiñeira explica que a ponte de Santo Estevo, sobre o río Ladra, une os núcleos de Uriz e de Gaioso. “É unha ponte provincial sobre a que pasa a estrada provincial LU-P 5101, unha vía intermunicipal, que une os concellos de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e de Friol; é unha estrada moi transitada polos veciños destes catro concellos, pero tamén por diferentes transportes, tanto lácteos, como de madeira e servizos públicos como son o transporte escolar e a recollida de lixo”.

 

O portavoz popular destaca que “esta ponte esta limitada desde hai un tempo a dez toneladas, o que obriga aos camións que sobrepasan esa tonelaxe a dar un rodeo de dez quilómetros; isto supón incomodidades moi grandes para os veciños e para as explotacións, pero tamén é un problema para o sector produtivo nesta zona”.

 

Castiñeira lembra que a limitación de tonelaxe, segundo di o goberno da Deputación, debeuse a que a ponte tivo  defectos estruturais, porque  é moi antiga. “A única solución  que adoptaron foi a máis fácil, a máis cómoda para o goberno provincial, e, sobre todo, a máis económica porque con dúas sinais pensaron que amañaban o problema”, destaca o portavoz popular. Avisa: ”Nós non estamos dispostos a deixar que o goberno manteña esa preguiza que demostra na busca dunha solución  e xa no pleno de maio solicitamos unha intervención nesta ponte; a resposta do goberno foi igual de preguiceira, dicindo que a mellor solución e limitar a tonelaxe”.

 

Do malestar dos veciños son mostras a concentración que levaron a cabo para reclamar máis alternativas que a que dá o goberno da Deputación de Lugo e a presentación dun escrito de queixa, con 550 firmas de afectados.

 

Castiñeira anuncia: “Comprometémonos cos alcaldes de Outeiro de Rei e Friol a levar unha iniciativa no próximo pleno, similar ás que se levaron nestes catros concellos polo PP, para dicirlle ao goberno que valore tecnicamente  outras posibilidades, que busque opcións e que non se quede  na máis sinxela e barata que é limitar a ponte e crear todo tipo de dificultades aos veciños e ás explotacións”.