Partido Popular de Lugo

O PP insta a Tomé a devolver aos traballadores provinciais a posibilidade de teletraballar a metade da xornada, en caso de ter menores ou persoas dependentes ao seu cargo

O presidente da Deputación, o socialista e ex sindicalista José Tomé, acaba de dar outro paso máis na súa xa demostrada falta de atención aos intereses dos traballadores provinciais. O portavoz do PP, Jaime Castiñeira, sinala: “ O goberno da Deputación de Lugo acaba de sorprender aos traballadores provinciais publicando unha circular na que conclúe textualmente o seguinte: quedan sen efecto  as autorizacións de traballo a distancia polas circunstancias de fillos menores de 14 anos  e os que estean ao coidado de persoas dependentes ou discapacitadas, que dende o 22 de xuño, con moi bo criterio podían solicitar o 50% da xornada con teletraballo”.

 

Para o portavoz popular, “queda demostrado que ao señor Tomé non lle gusta o teletraballo”. Sinala: “Xa pasou en  Monforte, onde o sindicato maioritario chamou a atención ao alcalde por usar a expresión pexorativa televacacións; neste caso moitos traballadores provinciais ven nesta decisión e nesta circular  un retraso na  conciliación de traballadores con menores ou dependentes na familia ao cargo, especialmente  no momento de aumento de brotes da covid que estamos a vivir na nosa provincia”.

 

Os populares ven falta de coherencia. Castiñeira declara: “Socialistas e nacionalistas, que se autonomean progresistas, demostran unha vez máis que cambian de criterio segundo estean  na oposición ou no goberno. Neste caso, en relación con respecto aos dereitos dos traballadores”. Engade: “O caso máis claro é o do señor Tomé. Con pasado sindicalista, mentres era empregado, e agora que ten tantos cargos e é xefe actúa de maneira prepotente cos seus excompañeiros.  Faino enviando esta circular sen consensuar cos traballadores; fixo e faino cos traballadores de Suplusa aos que desconsidera en todo momento  e faino diariamente substituíndo servicios provinciais con prórrogas sucesivas a Tragsa,  que se converteu no brazo executor do autoritarismo de Tomé”.

 

Dende o PP, di Javier Castiñeira, “solicitamos a José Tomé que corrixa a súa política  de persoal e recursos humanos e empece por devolver aos traballadores con menores ou dependentes ao seu cargo a posibilidade de  poder teletraballar a metade da xornada”. Destaca que non hai que esquecer que as circunstancias da covid non melloraron e os socialistas sacaron adiante unha lei de teletraballo, que o goberno da Deputación debería ter en conta.