Partido Popular de Lugo

O PP de Foz esixe a retirada dos camións de entullo vertidos para o recheo do camiño entre a estrada das praias e a rúa Torques do Castro

Os concelleiros do grupo popular de Foz están seriamente preocupados diante do que consideran unha inexplicable intervención nun camiño próximo a praia de Llas, no que se leva a cabo un recheo mediante entullos. Os populares quixeron deixar constancia desta irregularidade na sesión plenaria que hoxe celebra a corporación municipal, mediante a presentación de iniciativas ao respecto.

 

O concelleiro Juan Rivas sinala: “O recheo lévase a cabo, cremos que de xeito irregular, nas proximidades da praia  de Llas, concretamente nun camiño que vai dende a estrada das praias ata a Rúa Torques do Castro”.  Rivas detalla que “o camiño se reenche con entullo provinte dunha obra municipal, concretamente  do saneamento das rúas Concello de  Valadouro e Concello de Alfoz”.  Considera que “esta maneira de actuar non é a adecuada”.

 

O mesmo concelleiro sinala que “hai grave risco de que se poida producir unha denuncia por Medio Ambiente ou polo Seprona, porque os materiais non son adecuados para este entorno, que é unha zona  de protección costeira”. Di Rivas: “Entendemos que se se quere facer o recheo do camiño, co cal estamos de acordo,  porque está moi  profundo, pode facerse pero hai que contar co correspondente proxecto, pedir os permisos necesarios  e utilizar os materiais adecuados”.

 

Os populares demandan a inmediata retirada dos camións de entullo xa depositados no camiño, porque interrompen o paso. Queren saber se o Concello  deu autorización para  facer o que xa está feito a día de hoxe, e que supón que un camiño público (figura no inventario de bens públicos) estea cortado  e convertido nun vertedoiro.