Partido Popular de Lugo

O PP do Saviñao denuncia que o PSOE empregue a xubilación do médico para “crear alarmismo e medo nos veciños”

O Grupo Municipal do Partido Popular do Saviñao denuncia que o PSOE empregue a xubilación do médico para “crear alarmismo e medo nos veciños”. Deste xeito, e logo de ver os argumentos esgrimidos onte no pleno da Deputación polos socialistas, o presidente desta agrupación, Carlos Armesto, considera unha “falta de dignidade política” usar a situación do facultativo con esta fin, sobre todo porque, cando quede vacante, a praza vaise cubrir seguindo escrupulosamente á normativa que ten o Sergas para estes casos.

 

“Resulta lamentable que haxa políticos que fan política coa sanidade e máis nun momento tan crítico como o que estamos a vivir. Incluso semella que ata queren xubilar antes ao profesional do que lle corresponde”, advirte. E é que este tipo de actitudes desvelan claramente, a xuízo do dirixente popular, “que non todos somos iguais”. “Dende logo sementar o pánico entre os saviñenses non é ético nin digno”, defende.

 

Previsión do equipo de goberno

O popular maniféstase moi crítico cos socialistas locais e provinciais porque, na súa condición de alcalde, e en previsión de que a praza non quede descuberta ante a situación laboral do facultativo, informa que mantivo varios contactos cos dirixentes de Sanidade na Xunta de Galicia en Santiago e en Lugo. Primeiro, co ex conselleiro Almuíña e, máis recentemente, co actual titular do Sergas, Julio García Comesaña, así como co xerente lucense, Ramón Ares. Os tres responsables confirmaron ao rexedor que, en ningún momento. a consellería tiña previsto prescindir deste profesional e, por tanto, deixar aos veciños sen este servizo, senón que, no momento en que cesase das súas funcións como consecuencia da súa xubilación, se cubriría o seu posto, tal e como xa se fixo noutros concellos.

 

Comunicación oficial que desmonta os argumentos do PSOE

Ademais, e así o quere facer constar Armesto, existe unha comunicación oficial que se adxunta, e que bota por terra os argumentos do PSOE. Por tanto, “o Sergas nunca estudou, valorou, insinuou o dixo nada de que se fora amortizar a praza, polo que non sabemos de onde sacaron esta información que, sospeitamos, é interesada e manipulada para sacar un rédito político”, critica.

 

“Reflexión profunda”

Tal e como se certifica en dito documento, o devandito centro de saúde seguirá contando co mesmo número de médicos que ten agora (3), e tamén continuará co mesmo funcionamento o consultorio existente en Currelos. “Convido, por tanto, ao PSOE a que faga unha reflexión profunda pois creo que non se pode caer tan baixo, nin facer unha política tan ruín”. “Sobre todo, conclúe o dirixente do PP,  porque o compromiso con Saviñao é claro, como se demostra neste caso ou nos máis de 1 millón de euros que investirá na construción dun novo centro de saúde. É dicir, as mentiras en política, tamén teñen as patas moi curtas”, sentencia.