Partido Popular de Lugo

O PP insta ao PSOE a apoiar a súa proposta para reclamar ao Goberno cambios lexislativos e no Código Penal para combater con eficacia e rapidez a okupación de vivendas

O grupo  popular defenderá na sesión plenaria que celebrará mañá a Deputación unha moción que, de ser aprobada, xunto á manifestación do firme compromiso do organismo provincial en defensa da propiedade privada, se instará ao goberno provincial a dirixirse ao Goberno de España para que inicie os trámites que permitan mellorar o marco normativo que regula o delito de usurpación de inmobles, o que se vén denominando okupación.

 

O deputado provincial Óscar Poy sinala: “Á okupación podémonos achegar desde tres perspectivas: a do propietario, que ve violentados os seus dereitos; a dos veciños, que sofren o quebranto da convivencia social, e a das persoas que se atopan en situación de emerxencia social, de vulnerabilidade por motivos de vivenda; no PP temos claro que o apoio e a protección destas persoas e compatible co apoio aos propietarios afectados e aos seus veciños”. Engade: “Non existe conflito de dereitos entre propiedade e acceso á vivenda, pero o certo é que o exercicio do dereito a unha vivenda non pode ser entendido como a violación dos dereitos doutros”.

 

Poy tamén declarou:  “Dereito á vivenda non é sinónimo de vivenda gratis nin de escoller a que queiras. A okupación xera, no lexítimo propietario e nos seus veciños, ansiedade e alarma; ten custes económicos. Os recursos normativos actuais resultan insuficientes para  facer fronte aos okupas, limitando a actuación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e alongando no tempo os procesos xudiciais”.

 

Os populares explican: “Polos motivos expostos e porque o fenómeno da okupación lonxe de reducirse aumenta, presentamos unha moción no pleno provincial, para instar ao  goberno bipartito a que apoie unha iniciativa que responde a unha ampla demanda social, que é prudente e beneficiosa para o conxunto da cidadanía. Por unha vez non adiemos o traballo e aportemos solucións aos problemas reais. Agardamos que polo menos os deputados socialistas sexan quen de poñerse a carón da  veciñanza  e non sexan reféns da ideoloxía ultra  dos seus socios”.

 

Na moción popular proponse a modificación do artigo 245 do Código Penal co fin de reorientar e adaptar o tipo penal de usurpación á situación actual. Demándase a previsión dun procedemento ou xuízo rápido ou inmediato que recorte o tempo de duración dos litixios derivados das okupacións, de modo que se poida efectuar en menos de 48 horas. Outra das propostas incluídas na moción é a de establecer a prohibición de que persoas que ocupen ilegalmente un edificio poidan empadroarse no mesmo. Igualmente, con esta iniciativa perséguense as modificacións lexislativas tendentes a reforzar e facilitar a adopción de medidas para o desaloxo de inmobles dende o primeiro momento en que se aprecien indicios de infracción penal; deste modo, as corpos e forzas de seguridade, en doce horas despois de denunciada a okupación, poderían desaloxar o inmoble.