Partido Popular de Lugo

O PP da provincia de Lugo respalda o mantemento da actividade e do emprego na planta de aluminio de San Cibrao “tal e como levamos facendo dende o primeiro día”

Representantes do PP da provincia de Lugo que preside Elena Candia participaron este sábado na manifestación convocada polo comité de Alcoa San Cibrao na cidade de Lugo en sinal de apoio aos traballadores da planta mariñá. Candia trasladou, en nome de todo o Partido Popular da provincia en xeral e da comarca da Mariña en particular, o apoio claro ao mantemento da actividade da planta e a máxima contundencia na defensa dos postos de traballo “tal e como levamos facendo dende o primeiro día. Non ten ningún sentido deixar pechar a única fábrica de aluminio primario en activo de España dende o punto de vista económico e estratéxico”, manifestaron sinalando tamén “as súas consecuencias sociais”.

 

Os populares explican, ademais, que “o Goberno galego está a traballar de xeito coordinado cos traballadores para atopar solucións ante esta situación tan complexa”. A administración autonómica colabora cos representantes dos traballadores na preparación da impugnación do ERE e na solicitude de medidas cautelares para que non se paren as cubas e “onte mesmo o presidente mantivo unha xuntanza en Cervo co comité de empresa”.

 

Dende o PP da provincia de Lugo defenden que “a mellor opción para a planta de aluminio é que Alcoa acepte vender”; pero no caso de que a multinacional non acepte volver á negociación para a venda e siga insistindo na paralización da planta, “a Xunta comprometeuse a pedir ao Goberno de Pedro Sánchez a intervención temporal”.

 

Demandas ao Goberno

“Agora mesmo a prioridade é salvar a planta e os empregos”, segundo manifestan dende o PP de Lugo e para iso esixen que o Goberno central “convoque a reunión prevista co comité de empresa e a Xunta para avanzar na senda do diálogo e no establecemento de medidas coordinadas para facer fronte a Alcoa”.

Os populares recordan tamén que “unha das cuestión que orixinou este problema foi a ausencia dun marco enerxético estable para a industria electrointensiva” ao que se engaden as insuficientes compensacións por custos indirectos de CO2. É por iso polo que urxen ao Goberno de Sánchez a que “favoreza un marco enerxético estable para o sector electrointensivo”; xa que agora mesmo en España a industria electrointensiva paga o dobre pola tarifa eléctrica que en Alemaña ou Francia. “É imprescindible tamén aprobar canto antes o estatuto igual que incrementar as compensacións por custos indirectos de CO2 porque os asignados son insuficientes”.

Defensa da planta e do sector electrointensivo

O compromiso do PP e do Goberno galego coa planta de San Cibrao queda reflectido coa declaración de sector esencial e estratéxico para Galicia que supón vantaxes no eido das tramitacións administrativas para as empresas que queiran investir no sector electrointensivo.

 

Os populares teñen xa participado noutros moitos actos defendendo a continuidade na Mariña da única fábrica de aluminio primario coa que conta España en activo e incluso defenderon e apoiaron iniciativas neste sentido nas diferentes institucións nas que teñen representación.