Partido Popular de Lugo

Elena Candia aborda na Xunta Directiva Provincial o Plan de recuperación da Xunta para o emprego e o ocio nocturno

A presidenta provincial, Elena Candia, abordou na Xunta Directiva Provincial o Plan específico de recuperación creado pola Xunta de Galicia para a reactivación do emprego e do ocio nocturno. Neste senso, a popular puxo en valor os 70 millóns de euros dos que se beneficiarán 30.000 autónomos e 10.000 microempresas, así como os 4,8 millóns que o Goberno galego destina directamente aos establecementos de última hora, co fin de axudarlles a sufragar, entre outros custes, o alugueiro ou a celebración de concertos.

 

A dirixente dos populares lucenses considera que se trata de “iniciativas que teñen un beneficio directo para un colectivo que, lamentablemente, se está a ver gravemente prexudicado pola pandemia”. “Creo que, unha vez máis, a nosa Comunidade está á altura das circunstancias. Xa o fixo durante a primeira ola e vóltao a facer agora con este ambicioso plan”, afirma.

 

Elena Candia fai esta valoración trala xuntanza telemática, na que, ademais de voceiros, alcaldes e outros cargos orgánicos do PP, tamén participaron os conselleiros de Sanidade e de Emprego, Julio García Comesaña e María Jesús Lorenzana, respectivamente.

 

“É preciso, indicou, que todos sexamos responsables, a sabendas de que as medidas son restritivas pero si necesarias para frear que o virus vaia a máis. Os autónomos e o ocio nocturno están a pasar por momento moi complicados, polo que poñer en marcha plans específicos destinados á súa recuperación débese, cando menos, poñer en valor”, insiste.

 

 

Desglose dos Plans

O Plan de rescate 2020-2021, que dispón de 70 millóns de euros, ten como principal obxectivo facer fronte ao contexto socioeconómico xerado pola covid-19. Deste xeito, os autónomos que teñan recoñecida a prestación ordinaria ou extraordinaria por cese de actividade poderán optar a unha axuda de 1.200 euros, e de 2.000 euros no caso de que a actividade estivera paralizada durante, polo menos, seis meses ou especialmente paralizada, como é o caso do ocio nocturno. O apoio, no caso das microempresas, é de 4.000 euros e está dirixido a aquelas firmas que desde a declaración do Estado de Alarma teñan ou tivesen autorizado un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) por mor da pandemia.

 

Coas axudas ao ocio nocturno, o Goberno galego dá así cumprimento ao acordado con representantes do sector, o único pechado de forma total por mor da crise sanitaria. Neste caso,  a iniciativa, dotada con 4,8 millóns, desglósase do seguinte xeito: 2,2 millóns para o alugueiro de locais, 2 millóns para o mantemento do empregos e 600.000 euros para a celebración de concertos.