O voceiro do grupo provincial do PP, Javier Castiñeira, sinala que “os informes da conta xeral do exercicio 2019 que levará a pleno o goberno provincial para a súa aprobación definitiva demostran unha vez máis que o PP ten razón cando acusa ao bipartito de falta de rigor na xestión das contas provinciais”.
Estes informes conclúen que “o goberno provincial incumpriu novamente a regra de gasto e de obxectivos de estabilidade orzamentaria e, o que é máis grave, incumpre o propio plan económico-financeiro elaborado polos técnicos da Deputación co obxectivo de corrixir, precisamente, estes reiterados incumprimentos do goberno provincial”.
Castiñeira explica que “os técnicos sinalan que se deberán adoptar medidas coercitivas como establece o artigo 25 da propia Ley Orgánica de Estabilidad Presupuestaria y Sostenibilidad Financiera” e, polo tanto, advirte de que se deberán establecer unha serie de restricións coma a creación de partidas de non dispoñibilidade. É dicir, “haberá partidas que non van poder empregarse nos orzamentos do 2021”.
O voceiro popular acusa ao bipartito de levar a cabo durante estes anos “unha dinámica de descontrol e incumprimentos” que “demostra a absoluta incompetencia e, sobre todo, a falta de vontade para xestionar con seriedade e de forma exemplarizante as contas da Deputación”.
Dende o Partido Popular apuntan que “non está reñido o cumprimento das normas con facer un bo uso dos recursos públicos. Ao contrario -puntualiza Castiñeira-, porque “as administracións debemos dar exemplo de compromiso orzamentario especialmente nos momentos de crise económica coma o que vivimos”. Engade: “Cremos que o goberno non ten por que seguir incumprindo porque ten maioría no pleno e pode seguir aprobando os orzamentos e as modificacións que necesite sen ningunha atadura política. Se ben é certo que para iso debe cambiar de actitude e aprobar as contas antes de iniciar o propio exercicio como lle pedimos fai uns días”.
Os populares pídenlle ao goberno bipartito “menos reparos de intervención e incumprimentos e máis organización, seriedade e, sobre todo, criterios xustos para que o reparto dos recursos públicos para que cheguen a tódolos lucenses de forma igualitaria”.