Partido Popular de Lugo

O PP pide a Tomé que inicie a tramitación dos orzamentos da Deputación para o próximo ano, ofrece a colaboración dos seus deputados e propón un plan para mellorar as estradas

O grupo provincial popular pide ao presidente da Deputación que inicie a tramitación para o orzamento provincial correspondente ao 2021 e ofrece, coa mellor vontade, a colaboración dos seus deputados para sacar adiante o plan económico anual, no que teñan especial peso a promoción do emprego e un plan de estradas. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Os doce deputados do grupo popular ofrecémonos ao goberno da Deputación para  empezar a traballar o antes posible nos orzamentos do ano 2021, que serán importantísimos para  a provincia de Lugo nun momento moi complexo, no que todos debemos estar unidos e loitando polo mesmo fin”.

 

 Castiñeira di: “O presidente da Deputación ten unha grande oportunidade de conseguir aprobar o presuposto por unanimidade do pleno e  pódeo lograr se tende a man ao PP. Pola nosa parte non vai ter ningún problema. Temos que empezar a traballar dende xa; sería estupenda unha unanimidade neses orzamentos do 2021. Polo Partido Popular  non vai faltar vontade para tratar de conseguilo. Para elo ten que empezar a traballar dende o primeiro momento, dende xa, para que os orzamentos estean aprobados a finais deste ano e non a finais do primeiro trimestre ou principios do segundo do 2021”. O portavoz provincial pon un exemplo de que os orzamentos débense aprobar canto antes, como fan outras deputacións, como a de Ourense, “da que temos que aprender neste sentido e iniciar o exercicio cos orzamentos xa aprobados”.

 

Arrancar o próximo ano tendo xa listo o plan económico é, indica Castiñeira, “moi importante para os concellos, porque supón para eles poder aproveitar dende o principio todos os planes que iso implica”.  Expón o seu convencemento de que “o podemos facer e sería moi interesante para toda a provincia; para elo hai que convocar o máis pronto posible á xunta de portavoces ou á comisión de economía, o que o presidente considere máis adecuado, pero temos que empezar a falar de orzamentos”.

 

Castiñeira destaca: “O PP entende que  é prioritario falar de estradas, dun plan de estradas. Temos unha das redes de estradas máis grandes do Estado, con 4.200 quilómetros, e cremos que é o momento de deseñar un plan e tratar de mantelas debidamente, porque en moitos concellos hai vías provinciais en moi mal estado. Tamén temos que combater esta crise  con emprego, fomentando o emprego e axudando aos emprendedores lucenses”.

 

Os populares queren sumar e animan ao presidente da Deputación “a conseguir ese pleno de 25 votos que sería moi positivo para toda a provincia”. Castiñeira di: “Chámenos, estamos a súa disposición. Nós imos defender dous temas que cremos necesarios: un é o fomento  do emprego, nun ano crucial para a provincia, un ano no que temos que saír desta crise que está causando a covid-19; o outro é a mellora das estradas.  Temos que desenvolver un plan de estradas continuo para manter esa rede que crearon no seu días gobernos do PP e que vertebra a nosa provincia; é fundamental para o desenvolvemento do rural”.

 

Castiñeira resume: “Emprego e estradas, aí nos atopará señor presidente; aproveite a boa vontade do PP. Está nas súas mans conseguir un acordo unánime, 25 deputados votando a favor dos orzamento para o 2021, sería un éxito do goberno, pero, sen dúbida algunha, un éxito de toda a corporación”.