Partido Popular de Lugo

Daniel Vega destaca que “a Xunta dirixiu este ano 75.000 euros a Acisa Ribadeo”

O voceiro do Grupo Municipal Popular, Daniel Vega, destaca a colaboración da Xunta de Galicia con Acisa á que dirixiu este ano 75.000 euros.

 

Vega explica que “a Xunta de Galicia apoia ao comercio ribadense e, este ano, ofreceu tamén a súa colaboración dende o inicio da pandemia achegando orzamento para facer fronte ás novas necesidades que se lle presentaron á asociación” en relación á prestación de asesoramento e novos servizos”.

 

A Xunta resolveu recentemente as axudas para a dinamización dos Centros Comerciais Abertos da comunidade autónoma “outorgando a Ribadeo o importe máximo de 40.005 euros. Esta achega permite sufragar gastos de funcionamento de Acisa e manter os seus servizos coma o da xestión da páxina web ou a sinalización dos establecementos comerciais asociados. Pero, sobre todo, permitiu a posta en marcha de campañas de dinamización comercial e fidelización tan necesarias neste ano. Ademais das campañas habituais de Acisa polo Nadal, o día dos namorados, o día do pai e da nai, entre outros; esta achega da Xunta permitiu desenvolver en Ribadeo campañas de concienciación para a reactivación económica pos-covid e prestar servizos ao comercio asociado”, di o popular.

 

Colaboración ante a covid

O voceiro do Grupo Municipal do PP ribadense apunta tamén que “o apoio da Xunta de Galicia a Acisa foi moi importante dende o inicio da pandemia”. De feito, achegou máis de 6.000 euros para o reparto de preto de 8.000 máscaras entre os socios e dispensadores de xel.

 

Ademais, “a Xunta colaborou con Acisa na posta en marcha da marca ‘Ribadeo Seguro’ grazas a unha achega de preto de 6.000 euros. Este selo -explica Daniel Vega- garante que os establecementos comerciais ribadenses compren as normas de seguridade e prevención fronte á covid”, di Vega.

 

De cara á dinamización do comercio local, “a Xunta achegou arredor de 6.000 euros para contribuír á creación do Barrio Mariñeiro de Porcillán e a Vila Mariñeira de Rinlo e algo máis de 13.000 euros cos que Acisa contratou a unha empregada para os vindeiros meses”. Ademais, cunha subvención do Igape de preto de 4.000 euros, Acisa está a preparar unha nova plataforma de venda online.

 

A Xunta é a administración que máis colabora co comercio ribadense

Daniel Vega salienta así a colaboración da administración autonómica cos comerciantes locais, “moi por enriba do apoio que presta o goberno local ao noso tecido comercial a pesar de que o Concello é a administración máis próxima”.