A xestión do bigoberno (PSOE-BNG) de Foz amosa unha das súas caras máis desagradables no que atinxe á relación co Club de Atletismo Ría de Foz, o club deportivo coa directiva máis nova de Galicia. O desprezo co que o goberno local trata a esta entidade merece a total reprobación do grupo popular, en xeral, e do seu portavoz, Javier Castiñeira, en concreto. Sinala: “O grupo municipal do PP quere expresar o seu máximo apoio e compromiso coa nova directiva do Club de Atletismo Ría de Foz; dámoslle moito ánimo e forza fronte ao ninguneo que sufre por parte do goberno municipal do Partido Socialista e BNG. É inaudita, vergoñenta e inexplicable a falta de apoio do bigoberno focense a este club”.
O portavoz popular sinala: “É inaceptable a actitude do bipartito, especialmente a da concelleira de Deportes, a nacionalista Gema Méndez, evitando co seu pasotismo dar solucións aos problemas que este club lle trasladou en reunións anteriores; parece ser que incluso empeorou a situación despois de verse con esta concelleira do goberno municipal”. Engade Castiñeira: “Pedimos á señora Méndez que resolva canto antes a coordinación das instalacións para que este club poida adestrar con total normalidade e empece a buscar un local municipal, para que poida ter unha sede social como o resto de clubs; reclamamos que o Concello non reduza as axudas e que tente de incluír nas próximas subvencións nominativas a propia do Club de Atletismo Ría de Foz, que se outorgan anualmente”.
O portavoz popular manifesta: “Non podemos consentir que o goberno non apoie aos clubs emerxentes, como é o Ría de Foz, que ademais colleita éxitos persoais e colectivos e demostra día a día un gran compromiso co atletismo focense; organiza eventos de gran transcendencia como o Run-Foz-Run que xunta a máis de mil corredores e a Run Nadal”.
Castiñeira resalta que o Ría de Foz “é un club que está cubrindo un espazo que non tiñamos cuberto, que da saída aos rapaces que saen do deporte escolar e queren seguir dedicándose ao atletismo, e a moitos adultos que son afeccionados”. Insta a Méndez a que “cambie de actitude, dea solución aos problemas e deixe de poñer paus na rodas; menos pasotismo, máis eficacia e decisión e sobre todo respecto por aqueles que si aman o deporte como é o caso do club Ría de Foz”.