Partido Popular de Lugo

Os populares trasladan ao sector educativo as 156 emendas que presentaron á Lei Celáa, e que benefician a máis de 33.000 estudantes da provincia

Os populares trasladan ao sector educativo lucense as 156 emendas que presentaron á Lei Celáa, e que benefician a un total de 33.094 estudantes da provincia. Segundo datos facilitados pola propia consellaría de Educación, estes rapaces, dos que 20.148 son de Infantil, Primaria e Especial, e 12.946 de ESO e Bacharelato, cursan os seus estudos en 202 centros (122 imparten disciplinas das tres primeiras modalidades e 80 das últimas dúas).

 

Foi durante a xornada de traballo que mantiveron esta tarde os senadores e deputados no Congreso por Lugo –José Manuel Barreiro, Rosa Arza, Manuel Varela e Jaime De Olano-, e o vicesecretario de Educación -Javier Vázquez Prado- con directores, inspectores e mestres de distintos centros de Lugo. Dende o PP deron conta así das iniciativas que rexistraron a esta norma que configura o modelo educativo alternativo ao do Goberno, e que están dirixidas a garantir o dereito a unha educación de calidade, en liberdade e con equidade.

 

Concretamente, os populares advertiron que a LOMLOE é un proxecto “que non dá resposta aos desafíos que terán que afrontar as novas xeracións”, entre os que se atopan os que puxeron de manifesto a crise sanitaria da covid-19, e que denota, indicaron, “unha falta de liderado dun Goberno que deixa en mans das Comunidades Autónomas as competencias que a Constitución Española lle atribúe ao castelán e en castelán”. Ademais, precisou De Olano, “é unha norma que deu os seus primeiros pasos en pleno estado de alarma, vulnerando a lexislación básica en vigor, carece de diálogo e o consenso solicitado polo conxunto da sociedade e destila unha ideoloxía sectaria limitando a liberdade baixo un modelo de imposición”.

 

Decálogo das emendas

As 156 emendas articuladas polo Partido Popular, presentadas no Congreso, baséanse no seguinte decálogo de prioridades:

 

→ Liberdade de elección das familias.

→ Potenciar o prestixio dos docentes mediante un MIR para o profesorado.

→ Un 65% do currículo nacional, común en todas as Comunidades Autónomas.

→ O castelán debe ser a lingua vehicular en toda España, e onde haxa linguas cooficiais pode haber trilingüismo; é dicir, inglés, castelán e a lingua cooficial.

→ Defensa da educación especial.

→ Implantación e progresión da Formación Profesional Dual en todo o territorio nacional.

→ Reforzar a Alta Inspección Educativa fronte ao adoctrinamento que, en comunidades onde hai partidos nacionalistas gobernando, a educación está tendo un efecto moi negativo para os alumnos.

→ Unha avaliación nacional de coñecementos pública.

→ Unha EVAU pública igual en toda España.

→ Gratuidade da ensinanza para nenos de 0 a 3 anos.

 

“Son emendas que non só están destinadas á que as familias poidan elixir libremente a educación que queren para os seus fillos, senón que van dirixidas a conseguir o prestixio dos docentes, de aí que propoñamos para os mestres a creación dunha proba semellante á do MIR dos médicos”, detallou Jaime De Olano. De forma máis concreta, abordaron cos expertos a educación especial, pois “sobre esta a lei non di nada. Tampouco está unida ao plan de viabilidade. Non hai un estudo de peso, nin dotación económica concreta”, indicaron.

 

Normalidade covid

Os populares tamén se interesaron por como estes profesionais están a levar a cabo a adaptación á nova normalidade coa aparición do coronavirus. A este respecto, puxeron en valor as medidas anunciadas esta mesma semana polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e que inclúen reforzar os servizos de limpeza e de comedor nos centros educativos con recursos e persoal, en concreto os de secundaria e todos aqueles que dependan directamente de la administración autonómica.