Partido Popular de Lugo

Castiñeira acusa ao goberno provincial de actuar con sectarismo cos concellos do PP no reparto do fondo de 3,3 millóns creado en maio pasado, en plena pandemia

O grupo provincial do Partido Popular non só comparte senón que reclama fondos da Deputación para obras e servizos nos concellos. Pero, á vista do que está a ocorrer co reparto dos 3,3 millóns de euros do fondo creado en maio pasado en plena pandemia por covid-19, os populares denuncian que o reparto deses cartos ten motivacións puramente políticas, partidistas, e non responde aos criterios fixados no seu momento, marcados polo interese social e a creación de emprego. O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, sinala: “Estes últimos días estamos vendo como alcaldes socialistas e nacionalistas veñen desfilando por San Marcos para firmar convenios co goberno bipartito da Deputación de Lugo; comprobamos que se corroboran as acusacións que leva anos facendo o grupo provincial do PP de sectarismo absoluto do goberno provincial con respecto a metade dos veciños da provincia  de Lugo que  están gobernados polo PP”.

 

Na mesma liña, Castiñeira di: “A corporación provincial ten 12 deputados do PP e 13 do resto dos grupos, pero esa distribución non se  ve reflectida na distribución dos fondos provinciais. Neste caso estamos a falar  dun fondo que se financiou co remanente de tesourería, de 3,3 millóns de euros, aló polo mes de maio, cando o Partido Popular acusaba á Deputación de Lugo de chegar tarde en todo o que ten que ver coa crise da covid-19 e de non apoiar suficientemente aos concellos”. Explica: “Daquela vendéronos  que ese fondo era para repartir cos concellos e asociacións, especialmente para fines sociais, fomento do emprego e loita contra a covid-19, pero hoxe vemos que o reparto non é igualitario, porque a maior parte destes convenios se están a firmar con gobernos socialistas e nacionalistas, que se están usando criterios políticos e non os criterios cos que foi creado este fondo”.

 

O portavoz dos populares di que resulta estraño “que nestes convenios se financie con cargo a este fondo a compra de desbrozadoras ou ampliacións de naves municipais e instalacións deportivas, a construción de depósitos contra incendios ou saneamentos e non se utilicen ese cartos para os fines sociais de fomento do emprego e loita contra o covid-19”. Aclara Castiñeira: “Isto non quere dicir que esteamos en contra do financiamento deses equipamentos,  pero pedimos que non nos mintan e que se sigan criterios obxectivos para o reparto destes fondos; queremos que estes fondos sexan realmente para toda a provincia e non só para os gobernados polo Partido Socialista e para os fines previstos e non para outros”.