Partido Popular de Lugo

Os representantes do PP na Mancomunidade da Mariña lamentan a falta de compromiso do PSOE e do Goberno coa comarca ao denegar o Plan de Sostibilidade Turística para o que a Xunta mantén o compromiso de financiar a súa parte

Os representantes do PP na Mancomunidade de Municipios da Mariña lamentan “a falta de compromiso do PSOE e do Goberno de Sánchez coa comarca” ao ter denegado o Executivo central o financiamento da parte que lle correspondía do Plan de Sostibilidade Turística que tanto precisa A Mariña e para o que a Xunta mantén o compromiso de financiar a súa parte.

 

Os populares subliñan “a falta de peso político do PSOE mariñán e da provincia en Madrid” e urxen ao presidente da Mancomunidade e alcalde de Foz, o socialista Francisco Cajoto, “a facer o seu traballo, o de xestionar co Executivo central a aportación necesaria para o plan que recolle un orzamento total de tres millóns de euros, a tres anos, do que debería cubrir entre o 40 e o 45%”. A Xunta aportaría a mesma porcentaxe mentres que o resto correría a cargo da propia mancomunidade. Recordan, así mesmo, que “o responsable da selección dos plans é o Goberno central e foi, polo tanto, o Goberno de Sánchez o que rexeitou apoiar ao da Mariña”.

 

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, di: “Dende A Mariña intentamos facer un traballo conxunto a prol do turismo, e apuróusenos para facer ese traballo e comprometer ás distintas administracións. Pero quen tiña que facer o traballo de xestión non o fixo ben e non houbo compromiso por parte do Goberno do Estado”.  Engade: “Deste xeito, os mariñáns perden tres millóns de euros, que é unha cantidade moi importante. A Xunta reservou a súa aportación e mantén o compromiso, en cambio non houbo compromiso por parte do Goberno presidido por Pedro Sánchez, e quedou de manifesto a falta de peso político do presidente da mancomunidade”.

 

A mindoniense Elena Candia, deputada autonómica e presidenta provincial do PP, fai fincapé en que o presidente da mancomunidade ten que facer as xestións necesarias para que o Goberno aporte a porcentaxe correspondente, xa que a Xunta mantén o seu compromiso de financiamento.

 

O rexedor do Vicedo, Jesús Novo, fala de “ineptitude na xestión” por parte do presidente da Mancomunidade ao que “parece que os seus propios compañeiros non lle fan moito caso”. Novo sinala a responsabilidade do Goberno sobre o rexeitamento do plan da Mariña, mentres que destaca que “a Xunta cumpriu a súa parte e comprometeu orzamento para levar adiante este plan”.

 

O alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, sinala: “O PP non quere entrar en guerra nun asunto coma este, porque cre que é conveniente ter unha imaxe de unión. Pero iso non rebaixa a responsabilidade do presidente da Mancomunidade. A Xunta ten orzamento comprometido para este plan e el ten que defender os intereses da Mariña, neste caso este proxecto, diante das administracións”.