O grupo municipal do PP, á vista do gran número de solicitantes que poden quedar excluídos das axudas para autónomos, microempresas e pequenas empresas, etcétera, convocadas polo Concello de Viveiro, co fin de axudar a superar as dificultades económicas xeradas pola pandemia de covid-19, reclama do goberno municipal, presidido pola socialista María Loureiro, que recapacite e revise as condicións esixidas.
Para o PP, está claro que o feito de que decenas e decenas de solicitantes non puideran aportar toda a documentación requirida polo Concello para as citadas axudas pon de manifesto que as bases da convocatoria non se axustan á realidade, e, polo tanto, é preciso revisalas. Os concelleiros populares recoñecen que pode haber algúns solicitantes que estean en condiciones de aportar a documentación que non presentaron inicialmente, pero a maioría terá problemas. O portavoz municipal do PP, Óscar Rodríguez, sinala: “Houbo moitos autónomos que, sen estar incluídos entre os que tiñan que pechar porque así se lles ordenaba, tiveron igualmente que baixar a rexa porque non podían operar. Non pode ser que todos estes profesionais queden sen recibir a axuda do Concello; hai que buscar a maneira de corrixir esta situación”.
O problema ao que agora se enfrontan o Concello e os solicitantes das axudas que se encontran sen maneira de aportar a documentación que se lles esixe prodúcese –di Óscar Rodríguez- porque, como é habitual, o goberno municipal de Viveiro non quixo contar coa opinión do grupo do Partido Popular á hora de elaborar as bases desta convocatoria. “Unha e outra vez cae o grupo da señora Loureiro no mesmo erro e, así, unha e outra vez saen prexudicados os veciños de Viveiro, como se está a ver unha vez máis”, di Rodríguez.