O PP felicítase pola decisión do goberno provincial, comunicada ao fío dun rogo presentado por este grupo, de proxectar o amaño da estrada LU-P 1401, en Cervantes. O portavoz dos populares, Javier Castiñeira, explica que “no pleno da Deputación celebrado o pasado martes, o grupo provincial do PP demostrou unha vez máis que queremos seguir sumando a favor da provincia, a pesar de que as dúas mocións que presentamos foron rexeitadas polos grupos de goberno aínda que as dúas eran moi positivas para Lugo”.
Castiñeira sinala: “Nun rogo solicitamos ao equipo de goberno que arranxe a estrada provincial LU-P 1401, que vai ao Piornedo, no concello de Cervantes. Foi froito dun traballo en equipo co voceiro popular en Cervantes, o señor Santín, que en días pasados nos pediu que acudiramos a ver o estado desta estrada. Desprazámonos ata alí e comprobamos de primeira man o mal estado do firme, debido á falta total de mantemento. Comprobamos tamén o malestar dos veciños de Piornedo debido ao deterioro da vía”.
O portavoz popular indica: “Ao final do pleno o presidente anunciou, en resposta ao noso rogo, que a Deputación contratará o arranxo e mellora desta estrada. Iso si, non sen antes mostrar o seu malestar porque o PP fixera o seu traballo e se anticipase para resolver un problema que el mesmo, como deputado responsable de Vías e Obras, debería ter resolto. Entendendo isto como simple anécdota e ataque de celos do presidente, o grupo popular congratúlase de ter conseguido este compromiso público do presidente da Deputación”.
Castiñeira anuncia que os deputados populares seguirán “percorrendo a provincia para escoitar as necesidades dos nosos veciños, vivan onde vivan, e para usar os nosos medios para dar voz a aqueles que o bipartito non é capaz de escoitar”.