Partido Popular de Lugo

O PP de Castroverde afea a PSOE e BNG a súa negativa a mellorar as obras da LU-P 1201 que causan problemas aos veciños de Outeiro

O concelleiro popular Rubén Otero comparte a convicción do portavoz do PP, Javier Castiñeira, de que “ao goberno provincial non lle gustan as mocións que presenta o grupo do Partido Popular”. Só así se pode entender que socialistas e nacionalistas voten en contra case por sistema. Hai casos no que é aínda menos entendible a posición do goberno, como é o da moción defendida polos populares na máis recente sesión plenaria da corporación provincial, na que, atendendo ás peticións dos afectados, se propoñía levar a cabo nas obras en Castroverde da estrada LU-P-1201 “as actuacións necesarias para corrixir a execución dos traballos que están en execución nas inmediacións da ponte sobre o río Chamoso de xeito que os veciños de Outeiro poidan acceder de forma segura a súa parroquia”. Na mesma moción pedíase “a construción dun paso provisional e seguro a pé sobre o río Chamoso”.

 

Rubén Otero destaca a falta de empatía do goberno provincial, que é incapaz de entender que o resultado das obras, executadas con moito retraso, creará graves molestias e incluso risco aos veciños de Outeiro, que teñen que pasar pola ponte con moita frecuencia. O acceso ten unha moi pronunciada pendente que pode xerar situacións perigosas para o tráfico.

 

O mesmo concelleiro popular indica que o enfado dos veciños afectados vai en aumento. A negativa dos deputados socialistas e nacionalistas veu ratificar que non teñen intención ningunha de dialogar, como quedou demostrado na visita que fixo o presidente da Deputación á zona en obras evitando manter unha reunión cos veciños.

 

Otero sinala: “Aínda é máis sorprendente que o propio alcalde de Castroverde, como deputado socialista, vote contra as solicitudes dos seus veciños e administrados e xustifique como queda a obra e negue a existencia de problemas. O que conseguiron uns e outros é que os veciños cada día desconfíen máis das institucións ”.

 

Neste asunto chamou a atención o feito de que os deputados do BNG non mantiveran o criterio do seu compañeiro na corporación de Castroverde, que votou a favor dunha moción similar debatida, por iniciativa do PP, no Concello. Rubén Otero di que os deputados nacionalistas deberán explicar por que non respaldaron o voto no Concello do concelleiro nacionalista, que é o que mellor e máis directamente coñece o problema.