O goberno provincial recoñeceu, en resposta a unha pregunta do PP, que retirou os retratos dos presidentes da Deputación que non se corresponden con período democrático. Entre eles o de Julio Ulloa Vence, polo que preguntaron explicitamente os populares, por tratarse dun home de firmes conviccións democráticas, como o demostrou como concelleiro, deputado e senador durante o actual período democrático en España. O presidente da Deputación, o socialista José Tomé, admitiu no pleno do pasado martes coñecer ben a Ulloa, porque ambos traballaron no seu día na Delegación de Agricultura, e con motivo do seu falecemento fixo público un comunicado destacando os seus méritos e decretou tres días de loito oficial. No pleno, Tomé quixo que fora o nacionalista Efrén Castro quen respondera ao PP. O viceportavoz popular Agustín Baamonde considera que a maneira de enfocar este asunto “puxo de manifesto que hai fisuras en cuestións relevantes entre PSOE e BNG no goberno provincial”.
Os populares lamentan que o goberno da Deputación aplique sen máis a parte da lexislación que lle interesa ideoloxicamente, sen ter en conta que unha cousa é a letra da lei e outra o seu espírito. É certo, di Baamonde, que Julio Ulloa foi, nun período moi curto, presidente da Deputación en anos previos á instauración do actual período democrático, pero non é menos certo que Ulloa foi un convencido demócrata que traballou pola democracia e por Lugo como concelleiro, deputado e senador.
Agustín Baamonde resalta que para os numerosísimos lucenses que saben da valía persoal e política de Ulloa, así como da súa indiscutible bonhomía, a decisión da Deputación resulta inexplicable e inxustificable. Baamonde explica: “Podemos entender que o Bloque tome unha decisión así; pero non podemos entendelo nin no PSOE nin no presidente da Deputación, José Tomé, que dedicou palabras de honra, moi acaídas, a Julio Ulloa con motivo do seu pasamento, polo que decretou tres días de loito na Deputación”. Engade: “Está claro que no goberno provincial hai dúas sensibilidades tan distintas que están separadas por unha profunda fenda, que queda en evidencia en ocasións así e repercute negativamente nos intereses dos lucenses”.