O deputado provincial e concelleiro do Concello de Lugo, Óscar Poy, indicou con certa ironía, en relación á proposta de modificación do convenio de colaboración entre a Deputación e a entidade local lucense para o desdobramento da Avenida Duquesa de Lugo, que “este é un exemplo de como a Deputación fai os deberes con algúns Concellos e con outros non”. O popular subliñou así que o organismo provincial actúa con maior dilixencia cando se trata de Concellos gobernados pola mesma cor política, como é este caso.
Trátase dun proxecto que data de 2016, e que agora se amplía por catro anos máis. É dicir, 8 anos para unha actuación que se vai dilatando no tempo debido, segundo atribuíu Poy, á “ineficacia na xestión do Concello de Lugo”. Proba delo é, dixo o deputado popular, que os traballos correspondentes a esta obra tiñan que estar rematados o 30 de setembro deste ano, é dicir mañá, pero a entidade local aínda non foi quen de poñer os terreos a disposición da Deputación para poder executalos.
Óscar Poy trasladou á deputada do PSOE e tamén concelleira lucense, Ana Abelleira, que queda clara a deixación de funcións por parte da alcaldesa e compañeiros da Praza Maior, que non é máis que un novo exemplo “dun longa noite de pedra que dura dende 1.999”, data dende que o Concello está gobernado por esta formación política.